Deben vacinarse ou non contra o sarampelo os galegos nados tras 1968?
A Xunta manda unha mensaxe ambivalente. Por unha banda destaca que menos do 2% da poboación maior de idade corre risco pero por outro lembra que hai dous anos xa recomendou a vacinación dos nados a partir de 1968 e que "non cumprisen os criterios de inmunidade". A clave parece ser determinar se un cumpre eses criterios, algo que loxicamente non poden facer sós os pacientes.
A Consellería de Sanidade asegurou que "non hai ningunha situación de alarma que desemboque nunha urxencia para vacinarse" contra o sarampelo e lembrou que a susceptibilidade da poboación galega de contraer esta enfermidade é "baixa", posto que "un 98,2% de persoas de 18 a 64 anos mostran un nivel de anticorpos protector".
Despois de que o Ministerio trasladase a orde para estender a vacinación aos adultos nados en 1970, a Xunta informou que a Dirección Xeral de Saúde Pública "xa recomenda desde xullo de 2017" a administración da vacina ás persoas nadas a partir de 1968 que "non cumprisen os criterios de inmunidade".
O MELLOR, ACUDIR Ao MÉDICO DE FAMILIA
Esta recomendación, segundo o Executivo autonómico, foi "reiterada recentemente" por Sanidade no Programa Galego de Vacinación o pasado mes de xullo, no que se aborda a vacinación "en grupo de risco de idades e en determinadas situacións".
Por último, a Consellería de Sanidade sinalou que aquelas persoas que teñas dúbidas, "deben acudir" ao seu médico de familia para que "valore a conveniencia de vacinación".
Escribe o teu comentario