Acordo final de PSdeG e BNG para cogobernar Deputación de Lugo
Os nacionalistas terán a única vicepresidencia do goberno liderado polo alcalde de Monforte José Tomé PSOE e BNG asinaron na tarde deste mércores, na véspera de que se celebre o pleno de constitución da Deputación de Lugo, un acordo para un goberno de coalición na institución provincial, que inclúe a presidencia socialista e unha vicepresidencia única para o BNG. No documento establécese, ademais, unha repartición de competencias de Goberno entre ambos os grupos.
Os nacionalistas terán a única vicepresidencia do goberno liderado polo alcalde de Monforte José Tomé
PSOE e BNG asinaron na tarde deste mércores, na véspera de que se celebre o pleno de constitución da Deputación de Lugo, un acordo para un goberno de coalición na institución provincial, que inclúe a presidencia socialista e unha vicepresidencia única para o BNG.
No documento establécese, ademais, unha repartición de competencias de Goberno entre ambos os grupos. En concreto, o PSdeG encargarase de promoción económica e social, innovación e TIC, participación cidadá e transparencia, xestión territorial e parque móbil, goberno interior, asuntos xerais e formación, economía, recadación, facenda, promoción do territorio e turismo, cooperación e asistencia aos concellos e medio ambiente.
ÁREAS DO BNG
Pola súa banda, o BNG xestionará deportes, cultura, patrimonio histórico e artístico, artesanía e deseño, normalización lingüística, medio rural, mar e mocidade.
A Xunta De Goberno estará composta por nove membros, dos que sete serán socialistas e dous do BNG. Reunirase cada venres ás 11,00 horas. As comisións estarán compostas por oito membros e haberá tres presidencias para o PP, outras tres para o PSdeG e unha para o BNG.
Como último punto, o acordo de goberno de coalición inclúe a creación dunha comisión integrada por representantes de PSOE e BNG para o seguimento dos acordos e a toma de decisións con carácter xeral, que manterá encontros semanais.
MEDIDAS E COMPROMISOS
Entre as medidas transversais que inclúe este acordo está o afianzar o principio de cooperación institucional, garantir os principios de ética e transparencia na gobernación pública da institución, aplicar a normativa do uso da lingua galega e mellorar os recursos existentes para "desenvolver unha verdadeira política de normalización lingüística", ou garantir o uso da linguaxe inclusiva e da perspectiva de xénero.
Do mesmo xeito, ambos os partidos márcanse unha aposta por medidas de concienciación ambiental e comprométense a impulsar a Lei de Memoria Histórica, así como traballar para loitar contra o despoboamento do rural.
DEVOLVER COMPETENCIAS Á XUNTA
Con respecto aos compromisos programáticos, figura unha mellora na celeridade das accións administrativas, a mellora dos trámites internos mediante a adaptación do Regulamento Orgánico, a transferencia á Xunta das "competencias que lle son impropias ao ente provincial" ou o incremento da porcentaxe destinada ao Plan Único.
O novo goberno provincial traballará para "disolver coa máxima celeridade a Sociedade Pública Mercantil Suplusa", para "completar o proceso de transferencia" coa Xunta e os concellos en materia de estradas e para continuar a súa colaboración co campus universitario. Apoiar o sector agropecuario e o tecido empresarial, así como facer rendibles os recursos turísticos, son algúns dos elementos que tamén inclúe o documento.
Este xoves, ás 12,00 horas, está convocado o pleno de constitución do organismo provincial, no que, previsiblemente, o alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, farase coa presidencia da Deputación.
Escribe o teu comentario