Así son as axudas para comprar coche en 99 concesionarios de Galicia, que se repartirán por orde de solicitude
A través destas entidades colaboradoras os particulares, empresas e autónomos poderán solicitar as axudas desde o 24 de xullo a partir das 9 da mañá
Preto dun centenar de concesionarios galegos participarán no programa de axudas para a renovación de vehículos, tras terminar este luns o prazo límite para a adhesión de novos establecementos. Os particulares, empresas e autónomos poderán solicitar as axudas a través destas 99 entidades colaboradoras desde o próximo 24 de xullo e ata o día 15 de outubro.
Os apoios, que se concederán en concorrencia non competitiva, é dicir, establecendo prioridade para os que primeiro presenten a súa petición, irán dos 1.000 euros (500 a Xunta, 500 os concesionarios) aos 1.500 (repartido equitativamente entre administración e postos de venda), con un requisito principal: ter un coche de máis dunha década de antigüidade, coa ITV en vigor, e ostentar polo menos un ano de titularidade do vehículo.
NON VALE CALQUERA COCHE
As condicións do novo vehículo adquirido son que conte con un prezo inferior aos 40.000 euros (excluíndo modelos de luxo e alta gama), e cun límite de emisións no caso de turismos de ata 120 gramos CO2/quilómetro. Para as furgonetas, as emisións non poderán superar os 137 gramos CO2/quilómetro.
Este plan busca contribuír á incorporación de modelos máis eficaces e comprometidos co medio ambiente, ofrecendo unha gama que inclúa aos últimos deseños en innovación e seguridade e que permita, especialmente, renovar o parque móbil galego. Este plan concíbese como un dinamitante do sector, cun apoio explícito á industria galega da automoción ante as incipientes dúbidas que o sector da enerxía pode xerar entre os consumidores.
A finalidade deste programa de axudas, acordado co sector, é favorecer e facilitar a renovación dos vehículos en Galicia trasladándolle aos consumidores a confianza necesaria e apoiar ao sector da automoción, que xera na Comunidade galega máis de 20.000 postos de traballo.
GASTO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS PÚBLICOS
Deste xeito, a Xunta destina a este plan 1,1 millóns de euros, dos cales 800.000 van dirixidos a particulares, e os 300.000 restantes a empresas e autónomos. Segundo os cálculos proxectados, estímase que 2.000 turismos e furgonetas serán renovados ao acollerse a este programa, mobilizando 40 millóns de euros.
Escribe o teu comentario