Imputado un profesor que falaba de sexo e drogas cos seus alumnos por WhatsApp
A Garda Civil de Vimianzo imputou ao docente, relacionado cun centro educativo da Costa da Morte onde traballaba como substituto, por manter conversacións cos seus alumnos – nun principio as investigacións sinalan que son de idades comprendidas entre os 15 e 16 anos – sobre o consumo de substancias estupefacientes e temas relacionados coa sexualidade.
A Garda Civil de Vimianzo imputou ao docente, relacionado cun centro educativo da Costa da Morte onde traballaba como substituto, por manter conversacións cos seus alumnos – nun principio as investigacións sinalan que son de idades comprendidas entre os 15 e 16 anos – sobre o consumo de substancias estupefacientes e temas relacionados coa sexualidade.
Todo isto pode supoñer un delito contra a saúde pública, ademais dun delito de falsidade documental, relacionado coa falsificación de xustificantes médicos cos que o docente se ausentaba alegando unha baixa por enfermidade, unha práctica que repetiu en todos os centros que recibiron queixas na súa contra.
UN GRUPO DE WHATSAPP
A benemérita abriu dilixencias despois de que o centro recibise queixas ao redor da “mala praxe dun profesor” alertando de que o educador “creara un grupo de WhatsApp cos seus alumnos, cuxo contido constaba de imaxes e conversacións nas que se facía referencia e apoloxía ao consumo de substancias estupefacientes, así como conversacións de índole sexual”, afirman desde a Garda Civil, que verificaron a existencia desas conversacións e do material compartido.
"Nalgúns dos vídeos, o docente mostraba supostos alumnos doutros centros nos que exercera, fumando substancias psicotrópicas na súa vivenda", sinalan os investigadores, que tamén denuncian que o profesor, durante as horas lectivas, “establecía conversacións de índole sexual cos menores e chegaba a expoñer a posibilidade de conseguirlles bebidas alcohólicas e marihuana, como manifestaba facer cos seus anteriores alumnos”.
Agora a Garda Civil tamén investiga o pasado deste docente e se mantivera a mesma relación con alumnos doutros centros nos que exerceu. Ata o momento constataron que nun centro de Lugo recibiron queixas similares polas que está a ser investigado agora.
DELITOS
O delito contra a saúde pública polo que se imputa ao docente está apoiado no apartado do Código penal que sanciona “promover, favorecer ou facilitar o consumo ilegal de drogas tóxicas" co agravante que estes feitos "sexan realizados por un docente ou educador no exercicio da súa profesión”.
POSTURA DE EDUCACIÓN
A falta de que sigan avanzando as investigacións, desde a Consellería de Educación declararon que existe unha investigación interna para esclarecer este caso e que polo momento o asunto “aínda non está resolvido”. Así o fixo saber a titular, Carmen Pomar, que aprazou a decisión ata que conclúan as pescudas, momento no que se tomarán “as medidas adecuadas”.
"Calquera incidente ou incidencia desta natureza sempre é froito dunha investigación interna dos departamentos da Consellería implicados, empezando por Inspección Educativa. Normalmente son inspeccións internas que levan despois a decidir as medidas adecuadas e neste caso o procedemento está nese momento", resolveu Pomar.
Escribe o teu comentario