Sacar a ENCE da Ría, punto crave do acordo de goberno de BNG e PSOE en Pontevedra
Os socialistas conseguen ter a tenencia de alcaldía nun goberno local que gobernará con comodidade, dado que PSdeG e nacionalistas suman unha ampla maioría
O BNG e o PSOE acordaron un goberno en coalición no Concello de Pontevedra para o que este xoves asinaron un pacto de goberno "nacionalista e progresista".
O acordo programático foi rubricado ante os medios de comunicación este xoves 13 de xuño por parte do alcalde en funcións e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, en representación do BNG, e o aspirante socialista Tino Fernández, polo PSOE. Acordaron constituír "un goberno nacionalista e progresista", destacaron, mediante unha coalición vixente para o período de duración do mandato 2019-2023.
No acordo figura que esta coalición "rexerase polos principios de lealdade e respecto mutuo" e que conformarán un "goberno único sen prexuízo da autonomía nas áreas de xestión" nunha "actuación coordinada".
Ambas as formacións comprométense a manter o "diálogo e a interlocución constante" e á "resolución polas vías establecidas das posibles discrepancias que poidan xurdir", explicaron, para o que se creará unha comisión paritaria.
VALORACIÓNS DOS FRIMANTES
Fernández Lores, que será investido de novo como alcalde este sábado cos votos a favor dos edís nacionalistas e socialistas, sinalou estar "satisfeito" de chegar a un "bo acordo", que recolle "o mellor" dos programas electorais dos dous partidos.
Tino Fernández, que será o tenente de alcalde durante o próximo mandato, destacou que este acordo marca unha "folla de roteiro claro, equilibrada e compensada" para "profundar" nun proxecto de cidade no que ambos os partidos "cren profundamente".
PRINCIPIOS PROGRAMÁTICOS
No documento asinado este xoves recóllese que o goberno de coalición rexerase na súa actuación polos principios de "cohesión social, respecto pola nosa identidade, equilibrio territorial, equidade, políticas redistributivas en beneficio das persoas con maiores dificultades e limitacións, fomento da igualdade real, posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais, respecto pola diversidade".
INFRAESTRUTURAS
Entre os obxectivos para alcanzar durante este mandato márcase o impulso a unha "política de colaboración", destacaron, coas demais administracións, tanto as xerais como as sectoriais. E perséguese un avance nas infraestruturas da Administración central, en especial a autovía A-57, a remodelación do Nó de Bombeiros e o paseo ata Marín.
En canto ás infraestruturas e dotacións dependentes de la Xunta cítase, en especial, a variante de Alba, a Residencia da Terceira idade, a estrada de Vilagarcía, o saneamento integral da ría, a dragaxe do río e da ría, e o Hospital de Montecelo.
NON ROTUNDO A ENCE
Ademais, inclúese neste acordo a demanda dun uso público para o edificio de Facenda e para o Hospital Provincial, e "manter unha política de oposición frontal á permanencia de Ence" na marisma de Lourizán e "impulsar todas as medidas para conseguir o seu traslado", abundan.
Tamén se comprometen a potenciar os servizos sociais, a aplicar medidas para a creación de emprego e a aprobar un novo contrato de lixos que incluirá a "universalización da recollida separada dos residuos urbanos", segundo recóllese no acordo, cun sistema de tratamento "baseado na compostaxe nos seus diversos tipos: individual, comunitario e planta".
Elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal, implantar carrís bici en vías que o permitan, reorganizar o transporte urbano en coordinación coa Xunta e implantando o transporte a demanda, representan outros dos principios que figuran no documento rubricado.
Finalmente, crearanse novas infraestruturas deportivas e aumentaranse as axudas aos clubs, haberá máis eventos deportivos de gran nivel e reforzarase a programación cultural, entre outros compromisos recolleitos neste acordo programático.
Escribe o teu comentario