Lores (BNG): “Ría de Pontevedra só hai unha, lugares para trasladar ENCE moitos”

A achega de ENCE á cidade é “anecdótica” e os seus dirixentes -entre os que hai dous exaltos cargos do PP- deberían limitar os seus beneficios para sufragar o traslado, que esquivaron cunha “prórroga ilegal”. Así de contundentes son as respostas de Miguel Anxo Fernández Lores (1956) sobre ENCE nesta entrevista con Galiciapress.Favorito claro para repetir na alcaldía, chama a non confiarse. Un hipotético pacto co PSOE, a política deportiva e o paro son outros dos temas desta conversación.



|

A achega de ENCE á cidade é “anecdótica” e os seus dirixentes -entre os que hai dous exaltos cargos do PP- deberían limitar os seus beneficios para sufragar o traslado, que esquivaron cunha “prórroga ilegal”. Así de contundentes son as respostas de Miguel Anxo Fernández Lores (1956) sobre ENCE nesta entrevista con Galiciaapress .Favorito claro para repetir na alcaldía, chama a non confiarse. Un hipotético pacto co PSOE, a política deportiva e o paro son outros dos temas desta conversación.


1 Miguel Fdez. Lores 19 03 13 21 3000 px (1)

Galiciapress entrevistou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores 


O pasado 28A, o BNG experimentou un notable aumento no número de votos con respecto ás anteriores xerais. Pontón fala de “remontada” e do 26M como unha “segunda parte” das xerais. Na cidade, mesmo houbo un xiro pasando o PSOE a ser a forza máis votada por diante do PP. É extrapolable este resultado ás aspiracións do partido nas eleccións de maio?

É coñecido, e non porque o diga eu, que as eleccións non son extrapolables unhas ás outras. Pero o que si se pode deducir das últimas xerais son as tendencias. Parece evidente que o BNG está á alza o que agardamos que se traduza, tamén, nestas eleccións municipais.




Non hai que confiarse, non podemos dar as cousas por feitas 


A outra lectura que deixou as xerais é que en grandes cidades, como Ferrol, Vigo ou A Coruña, Vox pasou a ser a quinta forza política por diante do BNG. Preocúpalle? Vostede mesmo apelou a “non dar as cousas por feitas”…

Reitero que o marco das eleccións xerais non é o marco das municipais. No contexto municipal a presenza de Vox, estou case convencido de que non terá moita relevancia; e incluso, podería dicir, que no contexto da Galiza esta forza de extrema dereita non terá importancia no marco político actual. O que si me preocupa é que outras forzas da dereita a sitúen como chave de gobernos, dándolle a importancia que nunca debera ter.


Apelar á “non dar as cousas por feitas” ten a súa razón. Parece claro que existe un apoio importante da cidadanía á xestión que durante todos estes anos, especialmente nos últimos catro anos, que leva facendo o BNG en Pontevedra. Pero non hai que confiarse, non podemos dar as cousas por feitas. Temos que pelexar esta campaña como se fose a primeira e pedirlle aos veciños e veciñas a maioría suficiente para dar un salto cualitativo.

É co Partido Socialista co que sempre fomos capaces de chegar a acordos


As últimas enquisas flutúan con resultados nos que o BNG non alcanzaría a maioría absoluta e outros nos que si. Con todo, non o tería difícil para formar goberno. Con quen está máis cómodo chegando a pactos: co PSdeG ou con Marea de Pontevedra?


Insisto en pedir aos pontevedreses unha maioría suficiente para un goberno folgado que nos permita realizar unha xestión rápida e eficiente, xa que situacións como a do actual mandato fan que se demoren proxectos tan importantes como os orzamentos. De todos os xeitos, amosamos durante moitos anos que tamén temos capacidade de xestión en gobernos de coalición. E nese marco, é o Partido Socialista co que sempre fomos capaces de chegar a acordos, a pesar de estar en posicionamentos políticos diferentes. Un exemplo dese entendemento foi o Goberno da Deputación actual.


Este ano cúmprense 20 anos de gobernos desde o primeiro goberno nacionalista en democracia en Pontevedra. Vostede defende que este último mandato foi o máis frutífero a pesar de ter que gobernar en solitario sen o apoio socialista. Que balance fai da xestión da cidade despois deste últimos catro anos?

Este último mandato foi dunha intensa de xestión como nunca se recorda no Concello. Proxectos de reforma urbana para integrar barrios no modelo, construción de novas instalacións deportivas por todo o concello, reforma doutras, promoción e apoio ás empresas e emprendedores da cidade, máis locais sociais a disposición dos veciños, espazos de primeiro nivel nas parroquias do rural,… e así un moitísimos de proxectos valorados en ducias de millóns de euros, acompañadas cunha promoción exterior da cidade en medios internacionais impagábel. Polo tanto, o balance no pode ser máis positivo. Tal é así que nestes momentos hai unha chea de proxectos en marcha.


O PROGRAMA DO BNG

Fálenos un pouco dos puntos fortes do programa de Miguel Anxo Fernández Lores.

Son moitos os puntos fortes pero podería destacar como o proxecto de transporte a demanda que será pioneiro en Galicia; o impulso de infraestruturas dependentes doutras administración (paseo a Marín, Variante de Alba, Hospital, Circunvalación), que permitirán que Pontevedra dea un salto adiante; implantación universal do tratamento de biorresiduos (compostaxe) e novo contrato do lixo; a aposta polos eventos deportivos co impulso da final das series mundiais do tríatlon. É unha escolma, pero hai moito máis para o rural, para igualdade, para a cultura…


PROXECTOS E PROBLEMAS

Un dos temas ao redor dos que vira a campaña é a creación de emprego. Cal é a proposta do BNG para combater o paro da cidade e incentivar a chegada da industria e as empresas a Pontevedra?

Non estaría demais que alguén lle explicase ao resto de partidos políticos que o que van gobernar, se chegan gañar as eleccións, é un concello. E os concellos non teñen competencia en materia de emprego nin de promoción económica, e moito menos industrial. E non pode ser doutra maneira porque a Lei impide que os concellos asuman esas competencias e as estruturas de xestión as informan en contra.



As acusacións outras forzas políticas sobre o paro son unha falacia; estamos en cifras anteriores a 2008 


En definitiva, a proposta do BNG é incrementar o respaldo e apoio aos sectores que nos transforman nunha cidade 4.0: creativo, de servizos…, formación, internacionalización e contribuír á economía local coas inxeccións de fondos públicos que, habitualmente, se quedan nas empresas locais.


É unha falacia as acusacións das outras forzas políticas sobre o paro na cidade. En realidade, as cifras do desemprego real, o rexistrado pola Consellería de Emprego nos sitúan nas cifras de paro anteriores ao ano 2008, cousa que non se pode dicir noutras cidades galegas, por exemplo.


Con todo, Pontevedra segue sendo o espello ao que miran moitas cidades a diferentes niveis. Por exemplo, a pasada semana a candidata do PP dicía que A Coruña tiña que seguir o exemplo de Pontevedra tras o éxito do mundial de tríatlon. Cal é o secreto, se é que o hai, para que Pontevedra sexa referencia neste aspecto, o da organización de grandes eventos?

Non hai segredos só a determinación política de que sexa así. E con isto quero dicir que en Pontevedra existe unha política de deportes (cousa que non soe ser habitual nos concellos), centrada en tres grandes ámbitos: no apoio ao deporte de base (con convenios específicos de escolas deportivas, por exemplo); no apoio aos clubs (peza fundamental para a inmensa representación deportiva que Pontevedra ten en todas as disciplinas); e a atracción de grandes eventos deportivos que supoñen unha inxección na economía local en épocas baixas. Eventos escollidos pola afluencia de público de todas as idades e tendo como atractivo deportistas locais no caso do tríatlon Saleta Castro, Pablo Dapena ou Javier Gómez Noya.



A peonalización é un dos acenos de identidade da súa xestión e ata Barcelona trata de imitar este modelo. Cales son os seguintes pasos que lle gustaría dar respecto diso da mobilidade urbana?

Os seguintes pasos é avanzar na implantación dese modelo en todos os barrios e nos espazos de centralidade das parroquias. Todos os veciños e veciñas agardan a que chegue a súa rúa. E neste mandato conseguiremos dar un pulo importante a zonas que precisan unha actuación integral.



Entendo a preocupación dos traballadores de ENCE, pero non é na porta do Concello na que teñen que petar  


Seguramente o gran reto de todos os candidatos pontevedreses é ENCE. Despois da decisión do goberno central de non defender a prórroga na concesión, a papeleira presentou hai semanas un informe no que aseguraba que non existe un emprazamento alternativo a Pontevedra. É viable manter a prórroga e ao mesmo tempo manter o equilibrio ambiental na zona?


Que Ence contamina non o digo eu, o di a propia empresa. Ence está inscrita dentro do rexistro da Xunta de empresas altamente contaminantes de Galiza para que lle autoricen verter. Iso é así. E tendo clara a súa contaminación está claro que non é viable coa recuperación da ría que é o que quere o BNG e a maior parte dos pontevedreses.


Do mesmo xeito, ENCE asegura que achega o 28% do PIB da cidade. Sexa en realidade esta porcentaxe ou outro, que alternativas ten Pontevedra para substituír os postos de traballo directos que se perderían?

O BNG e durante todos estes anos o Concello de Pontevedra gobernado polo BNG ten claro que non é competencia municipal buscarlle unha solución a Ence, como non se lle busca solución a ningunha outra empresa. Ence está nunha situación de privilexio sen precedentes no sector empresarial da cidade: ningunha empresa tivo gratis un terreo de 600.000 m2 para producir, sen pagar a auga que consume, e sen achegar nada á cidade na que se sitúa xa que os seus impostos os pagan en Madrid e, incluso, atenden ao seus traballadores a través dun economato que teñen na rúa Benito Corbal.


Con todo isto que quero dicir, a achega que Ence fai á economía da cidade é totalmente anecdótica.

Os traballadores o que tiñan que ter feito é esixirlle a empresa o cambio de situación porque cando se privatizou, os accionistas e o consello de administración no que se topa o ex conselleiro de Medio Ambiente do Partido Popular, Carlos del Álamo, ou a ex ministra de Medio Ambiente con Aznar, Isabel Tocino, que son os que realmente se benefician de Ence, sabían que compraban unha empresa que tiña data de caducidade: o ano 2018 (ao igual que pasou conElnosa). Até que Mariano Rajoy acordou darlle unha prórroga ilegal por 60 anos máis.


Eu entendo a preocupación dos traballadores, como entendo a preocupación dos traballadores das empresas pontevedresas que se poidan ver abocadas ao peche nalgún momento. Claro que o entendo, pero non é na porta do Concello na que teñen que petar. A obriga do Concello e do BNG, tal e como recolleu nos seus sucesivos programas electorais como bandeira, é o traslado da fábrica para recuperar a ría para os usos que realmente debe ter. Porque hai que empezar a recordar á xente que ría de Pontevedra só hai unha; e espazos nos que poder trasladar unha fábrica hai moitos pero hai que gastar os cartos. Ao mellor, o consello de administración debera renunciar aos pingües beneficios, asumir o traslado e garantir os postos dos seus traballadores.


relacionada ENCE nomea Conselleiro Coordinador a Del Álamo, ex-conselleiro co PP
relacionada Pintan diana na casa dunha concelleira do BNG
relacionada Os socialistas galegos gobernarán case todas as cidades, segundo outra enquisa
relacionada Pontevedra asombra ao mundo do tríatlon (vídeos)

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE