​Lidia Senra (En Marea): “A Unión Europea debe construírse poñendo os dereitos das persoas e dos pobos por diante dos intereses do capital”

Galiciapress entrevista a Lidia Senra (Pobra do Brollón, 1958), que aspira a repetir como europarlamentaria nos comicios do #26M. Tras cinco anos en Estrasburgo, a histórica sindicalista agraria ratifícase na necesidade de construír unha Europa máis social e advirte que “as políticas neoliberais da UE” son corresponsábeis do auxe da extrema dereita. O conflito interno da confluencia da esquerda galega, a precariedade na sanidade e a polémica sobre as vacinas son outros dos temas desta conversa coa candidata de En Marea.


|


Galiciapress entrevista a Lidia Senra (Pobra do Brollón, 1958), que aspira a repetir como europarlamentaria nos comicios do #26M. Tras cinco anos en Estrasburgo, a histórica sindicalista agraria ratifícase na necesidade de construír unha Europa máis social e advirte que “as políticas neoliberais da UE” son corresponsábeis do auxe da extrema dereita. O conflito interno da confluencia da esquerda galega, a precariedade na sanidade e a polémica sobre as vacinas son outros dos temas desta conversa coa candidata de En Marea.



Lidia senra entrevista en marea


Desta volta, coinciden as eleccións locais e europeas, co que as municipais poden restar protagonismo aos comicios ao Parlamento Europeo. Que estratexia van seguir para animar a que os voten?


É unha cuestión moi relevante. Hai que concienciar de que as eleccións europeas son importantes. Moitas veces tendemos a pensar que como as institucións europeas están tan lonxe estas eleccións non importan. A realidade é que o 80% das decisións que afectan ao noso día a día veñen das eleccións europeas. Imos esforzarnos para incidir en que o 26 de maio non hai só eleccións municipais. Nós, como traballadores e traballadoras, como mariñeiros e mariñeiras, como agricultores e agricultoras e como galegos e galegas xogámonos o noso futuro nas institucións europeas.


Que exemplo práctico lle poría a un mariñeiro ou agricultor de como o que decidirá Europa nos próximos anos afectará a súa vida?


Curiosamente, a xente do mar e da agricultura son os máis conscientes. Todos os anos teñen que tramitar a PAC no agro e no mar a xente d sabe que as reducións das cotas veñen das institucións europeas. Aquí hai unha conciencia porque afecta directamente, pero tamén hai decisións que afectan ao conxunto da cidadanía e que as percibimos menos.


Por exemplo?


Cousas moi concretas. As pensións públicas, é fundamental defendelas. A Unión Europea é consciente do desmantelamento e dos ataques que están a recibir o sistema de pensións públicas porque, entre outras cousas, proceden de directivas europeas, aínda que non se apliquen directamente por Europa. Por exemplo, en vez de reforzar os sistemas públicos, acaba de aprobarse un produto paneuropeo de pensións individuais que vai en detrimento do público. Outro exemplo, o desmantelamento dos servizos públicos, a sanidade, o ensino … dependen de decisións das institucións europeas, que van no sentido das privatizacións para darlle negocio ás empresas e depende tamén do control orzamentario, de impedir que se destine diñeiro público a defender os servizos públicos.



“A construción europea é unha construción neoliberal que ataca á maioría das persoas, da clase traballadora, que só lle preocupa os intereses das grandes multinacionais”

Vexo que segue tendo unha imaxe bastante crítica do modelo da UE cinco anos despois do seu debut como europarlamentaria. Cinco anos que vexo non serviron para que teña unha mellor visión do modelo de Europa que estamos a construír …


Evidentemente, a construción europea é unha construción neoliberal que ataca á maioría das persoas, da clase traballadora, que só lle preocupa os intereses das grandes multinacionais, en definitiva do capital. Levamos tempo loitando por un cambio de modelo de políticas que poñan os dereitos das persoas por riba dos interese do capital. É tamén unha construción excluínte, exclúe aos pobos, os seus dereitos, o dereito a decidir. Tampouco contribúe a conseguir a igualdade de dereitos das mulleres. Somos moi críticos con este modelo de UE, ten que ser totalmente diferente e o noso programa céntrase precisamente nunha construción europea que poña os dereitos das persoas e dos pobos por riba do capital.


“ A UE ten riqueza dabondo para que ningunha persoa teña que verse obrigada a vivir en pobreza”

Nese modelo máis social de UE unha das cuestións máis candentes é a da renda universal propoñendo. Hai anos que se leva reivindicando e de feito algúns países como Italia acaban de activala. Ve factible que o Parlamento Europea lexisle nese sentido?


Defendemos a renda básica universal europea. A UE ten riqueza dabondo para que ningunha persoa teña que verse obrigada a vivir en pobreza, ou de non ter teito ou de non poderse alimentar correctamente, os bens básicos para unha vida digna. Demandamos a renda básica universal que ten que vir acompañada dunha profunda reforma fiscal, que faga que realmente coticen os ricos, os que realmente teñen que cotizar mentres que agora se está a permitir que evadan ou eludan os impostos.


Lidia senra pegada de carteis


Outra cuestión clave nestes anos será o Brexit. Parece que finalmente o Reino Unido terá que organizar eleccións, o que posiblemente provocará unha polarización do electorado, que pode castigar aos partidos tradicionais por non solventar o problema. Tendo en conta que xa hai gobernos, digamos que dereita nacionalista, en países como Hungría ou Polonia, tamén en coalición en Italia; estamos ante un risco real de que a ultradereita teña moito máis peso na UE?


O avance das políticas da extrema dereita é unha gran preocupación. Son políticas que van totalmente en contra dos dereitos humanos e da clase traballadora e das mulleres. As políticas neoliberais da UE teñen unha responsabilidade moi grande nisto. Están conducindo ao fracaso social. A receita é dar a batalla por unhas políticas que nos permitan as persoas unha vida digna.


“Estiven, estou e estarei defendendo a sanidade pública fronte aos recortes e a precarización”

Quen siga polo miúdo a actualidade política sabe da súa constante actividade, tanto de control das decisións europeas que afectan a Galicia como facendo de altofalante para ducias de colectivos que a miúdo non teñen eco nas institucións. Agora ben, ao gran público, o que non segue tanto a política, pode que só lle soe o seu nome pola polémica sobre as vacinas ...


Esta é unha polémica totalmente superada e non vou volver a ela. Teño que dicir, iso si, que eu estiven, estou e estarei defendendo a sanidade pública fronte aos recortes e a precarización de persoal, que sofre por exemplo o colectivo de enfermeiras eventuais. Levamos anos loitando por defender a sanidade pública, esa é a cuestión clave e non vou adicarlle tempo a alimentar ningunha outra polémica.


Estamos facendo un seguimento e estamos loitando para acabar coa precariedade laboral en todos os ámbitos. Non é normal que cada vez suframos a precariedade, traballemos máis e teñamos menos ingresos. É intolerable que as administracións públicas teñan tal nivel de precariedade. Hai que erradicala en todos os ámbitos.



“Non vou dedicar tempo tampouco a polémicas de tipo organizativo”

Hai unha pregunta que lle vai facer todo o mundo en Galicia. Como viviu o conflito interno en En Marea, que contribuíu aos seus malos resultados nas eleccións xerais? Pode pasarlle factura a súa candidatura? Compromís, o principal partido que co que En Marea vai en coalición, tamén tivo malos resultados nas xerais …


Son temas que están pasados e se foron resolvendo. Para min o obxectivo é traballar e aproveitar estes días de campaña para explicar cales son as nosas propostas, cal foi o noso traballo, cal é o noso compromiso e seguir falando cos colectivos organizados no noso país para recoller as súas preocupacións. Niso é o no que nos imos centrar. Non vou dedicar tempo tampouco a polémicas de tipo organizativo. O que necesitamos é seguir levando as propostas para mellorar a calidade de vida dos galegos.




relacionada As deputadas Lídia Senra e Vázquez Verao promoven unha plataforma contra a eucaliptización
relacionada Lídia Senra presenta un libro sobre o futuro das pensións
relacionada P​uigdemont conseguiría un escano en Europa, onde gañarían os socialistas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE