"Irregularidades" na concesión dos permisos de votación dos PAC
O comité de folga culpa ao SERGAS de "incumprir" os servizos mínimos nas horas autorizadas para asistir ás urna.
O comité de folga culpa ao SERGAS de "incumprir" os servizos mínimos nas horas autorizadas para asistir ás urna.
O comité de folga dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia denunciou "irregularidades" na concesión dos permisos de votación, "existindo diferenzas na concesión do número de horas necesarias para exercer o dereito ao voto entre distintas categorías, a distintos PAC e as distintas xerencias".
Así mesmo, acusaron ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "incumprir" os servizos mínimos establecidos na folga, que é do 100%, xa que este domingo, para a cobertura das horas derivadas dos permisos por votación do persoal, as distintas xerencias estableceron "ou ben a prolongación da xornada do persoal que realizou a noite anterior ou, onde hai varios efectivos, durante unhas horas un efectivo menos para a asistencia".
"Consideramos isto un feito moi grave, tanto a cobertura por baixo dos mínimos como por logralos cun persoal con moitas horas de traballo seguidas e falto de descanso nocturno. Máxime cando non poden achacarse estas deficiencias na cobertura a imprevistos de última hora, senón que son ausencias programables e que nuns meses van producir de novo", lamentou o comité de folga nun comunicado.
Segundo o mesmo, "non se pode consentir" equilibrar unha adecuada atención da poboación co exercicio dos dereitos a voto "a expensas da boa vontade, a colaboración e a responsabilidade" do persoal.
Neste sentido, asegurou que algúns destes feitos foron postos en coñecemento da Xunta Electoral de Ourense, "a cal xa advertiu aos servizos central do Sergas e á Xerencia de Ourense de que incoará un expediente sancionador de non corrixirse o trato discriminatorio denunciado".
Escribe o teu comentario