Ryad Boudebouz: maxia ao servizo da causa celeste

A chegada de Fran Escribá ao banco do Celta deu máis protagonismo ao mediapunta francoargelino.


|

A chegada de Fran Escribá ao banco do Celta deu máis protagonismo ao mediapunta francoargelino.


Boudebouz betis

Boudebouz protexe a pelota co Real Betis / Foto: LaLiga


A aterraxe de Fran Escribá en Balaidos revitalizou a un equipo que deambulaba sen rumbo na Primeira División. E de ter un rumbo, ese era inevitablemente o que marcaba o descenso. O cambio de técnico, xunto co evidente regreso dun puntal como é Iago Aspas, puxo as pilas de novo ao conxunto vigués e espertou a algúns xogadores que parecían perdidos para a causa. É o caso de Maxi Gómez, que volveu a ver porta co valenciano na banqueta, Lucas Olaza, que debutou coa chegada do novo adestrador, ou Ryad Boudebouz, que vive un momento moi doce despois dun ano complicado.


DE MENOS A MÁIS

A calidade do francoargelino está totalmente demostrada. No apartado técnico, é posiblemente o xogador máis talentoso de todo o cadro de persoal, talvez rivalizando con Emre Mor, e lembrando á figura doutros xogadores que xogaron en Balaidos con luva de seda en lugar de botíns, véxase ‘Tucu’ Hernández ou Krohn-Dehi, mediapuntas imaxinativos e cun toque soberbio. E iso evidenciouse nos dous último choques do cadro galego, onde sumou un gol e unha asistencia ademais de ser o leito do xogo ofensivo olívico o intre que estivo no campo.


O cambio de adestrador sentoulle marabillosamente ben a Boudebouz. O internacional con Alxeria chegou a Vigo cando tocaban as badaladas que anunciaban o peche do mercado invernal (opción de compra de oito millóns) e un pouco fóra de forma, despois dun ano errático no Real Betis, onde o curso pasado había brillado baixo o á de Quique Setién. Así, non vestiu de celeste ata o seu terceiro partido dentro do equipo, e só durou 49 minutos sobre o verde antes de ser expulsado.


Empezou con moi mal pé, e non volveu a enfundarse a casaca dos galegos ata a chegada de Fran Escribá, que apostou por el nada máis chegar, na derrota ante o seu ex equipo. Logo pasouse outros dous partidos vendo aos seus compañeiros desde a bancada, ata o seu despegamento definitivo ante o Huesca e a súa notable achega no duelo contra a Real Sociedade.


En cuestión de dous partidos, o ex de Montpellier xustificou a súa chegada á ría de Vigo. E iso que quedan outras facetas do internacional alxerino que non coñecemos, como o seu excelente golpeo a balón parado, aínda que con Aspas no equipo, é difícil que alguén lle quite o posto de francotirador ao de Moaña, ademais, ambos son zurdos. É posible que no Metropolitano, con Aspas vendo o partido desde casa porque lle toca cumprir ciclo de tarxetas, o mago alxerino asuma ese papel.


Pero Boudebouz sabe que o seu papel é sumar na medida do posible e axudar ao equipo para lograr a ansiada permanencia. O equipo ha medrado e saíu do descenso, pero non se poden botar as campás ao voo nin moito menos. Toca seguir progresando. De menos a máis. Como fixo Boudebouz.  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE