Case 10.000 aspirantes para 209 prazas nas oposicións do SERGAS
Un total de 9.087 aspirantes están convocados aos exames da Oferta Pública de emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na categoría de grupo auxiliar da función administrativa, que terán lugar este domingo, día 7 de abril, no Recinto da Feira Intenacional de Galicia, na localidade pontevedresa de Silleda.
Oposicións en Silleda
Este proceso selectivo está destinado a cubrir 209 prazas do Sergas, das cales 93 correspóndense á quenda de acceso libre, 105 ao de promoción interna e 11 ao de discapacidade.
Segundo destacou a Xunta nun comunicado, máis do 17% dos admitidos ten actualmente vínculo activo ao Sergas, o 1,2% provén de fóra de Galicia, case un 41% ten menos de 40 anos e máis do 80% do total dos convocados é muller.
"Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzaranse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo desta maneira o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame", explicou a Consellería de Sanidade.
Ademais, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxectivo de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.
Nas probas deste domingo, o chamamento dos aspirantes dará inicio ás 15,30 horas e todos eles realizarán nesta xornada todos os exercicios que integran a fase de oposición.
Escribe o teu comentario