A piscina e o pavillón de Santa Isabel abrirán en breve, promete o Concello de Santiago
Durante as actuais obras só púidose utilizar o ximnasio, privando á cidadanía dun dos centros deportivos máis populares da cidade.
O complexo deportivo de Santa Isabel abrirá ao público "nas próximas semanas" despois de terminar a súa reforma integral, que recibiu un investimento público de 2,6 millóns.
Así o adiantou este mércores a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que visitou o pavillón xunto á concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e o edil de Obras, Xesús Domínguez. Desde alí, a rexedora puxo de relevancia que esta é unha obra "moi importante" que suporá "un antes e un despois".
"O máis importante é todo o que ten que ver coa eficiencia enerxética, o arranxo da envolvente e a accesibilidade, dotando tamén dun ascensor, de ramplas e espazos adaptados", destacou.
Ademais, as obras permiten unha maior integración do pavillón co resto da cidade, de maneira que a praza da porta principal é agora unha entrada cun espazo diáfano coa que a cidade gañará unha praza pública "con máis movemento, socialización e vitalidade".
A obra foi adxudicada polo Concello de Santiago á empresa Misturas S.A. por un importe total máis de 2,6 millóns de euros, dos que máis de 2,3 corresponden á axuda concedida polo Estado no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios (PIREP), financiado con fondos Next Generation EU.
Escribe o teu comentario