Prisión para o empresario que veraneaba con Rajoy detido en trama de prostitución, que puido explotar menores
É posible que haxa menores entre as vítimas da trama de tráfico de mulleres que financiaba presuntamente Miramontes (ex-líder de Xóvenes Agricultores e acompañante de Rajoy nas súas vacacións en Sanxenxo). Feijóo desvincula as subvencións que recibiu Xóvenes do escándalo.
A Policía sospeita que hai menores con pasaportes falsificados entre as vítimas da trama de tráfico de mulleres. Organización que financiaba presuntamente Miramontes (ex-líder de Xóvenes Agricultores e acompañante de Rajoy nas súas vacacións en Sanxenxo). Feijóo desvincula as subvencións que recibiu Xóvenes do escándalo.
O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago decretou prisión para dúas dos seis detidos en Galicia no marco da investigación sobre trata de seres humanos e contra
á prostitución, entre eles o expresidente de Xóvenes Agricultores Juan Pérez Miramontes.
Segundo informaron fontes xudiciais, un dos arrestados pasou o mércores a disposición xudicial e este xoves os outros cinco, tras o que o xuíz instrutor enviou a dous dos detidos a prisión comunicada e sen fianza, entre eles Pérez Miramontes. Segundo varias cabeceiras da prensa paraguaia, Miramontes sería o único español detido e presunto financiador e colíder da trama.
MEDIDAS CAUTELARES
Para os outros catro o xuíz decretou a retirada do pasaporte, comparecencias quincenais no xulgado e prohibición de saír do territorio nacional.
Os seis detidos que permanecían en dependencias da Comisaría de Santiago foron levados en furgóns policiais na mañá deste xoves aos xulgados composteláns de Fontiñas para pasar a disposición xudicial.
Entre os detidos destaca o expresidente de Xóvenes Agricultores Juan Pérez Miramontes, que foi citado en último lugar para comparecer ante o xuíz.
BRAZO POLÍTICO DO PPDEG NO CAMPO
Miramontes é un personaxe crave da política galega nas últimas décadas. Á fronte de Xóvenes, foi o brazo do PPdeG no campo galego, liderando por exemplo unha plataforma que criticaba a xestión da loita contra incendios que facía o bipartito.
Imaxe dun dos paseos de Rajoy por Sanxenxo con Miramontes, Palmou, Vermello, Pastor e Lete Lasa nunha foto do Facebook de Manuel Barral Sánchez
Miramontes era compañeiro habitual dos veraneos de Mariano Rajoy en Sanxenxo, como testemuñan numerosas fotos publicadas naqueles anos. Con eles deixábanse ver outros mandatarios como Pilar Rojo, Ana Pastor, Lete Lasa, Xesús Palmou ou Rafael Louzán; os tres primeiros parte do círculo íntimo do ex-presidente de España e Louzán, ao parecer, amigo de Miramontes.
COMO PUIDO DESAPARECER XÓVENES AGRICULTORES DE SÚPETO?
Posteriormente Miramontes caeu en desgraza coa fuliminante e sorprendente crise Xóvenes Agricultores. A pesar de recibir importantísimas subvencións de la Xunta e outras Administracións, chegando a acumular centos de empregados e ducias de oficinas; ao pouco de empezar a crise e os recortes esta filial de Asaja entrou en barrena ata desaparecer hai poucos anos.
Os seus empregados denunciaron no seu día que mentres eles non cobraban, como tampouco o fixo a Seguridade Social. Mentres tanto, Miramontes paseábase con prebostes e acumulaba patrimonio, incluído o iate de tres cubertas ancorado en Sanxenxo ao que convidaba a Rajoy e ao seu séquito do PPdeG. Nomeado A Peregrina, ten máis de 15 metros de eslora.
Miramontes detrás de Rajoy nunha foto publicada por burbulla.info con Louzán, Ana Pastor e Palmou
Por agora, a Xunta di non ter razóns para sospeitar do destino das subvencións que acumulou no seu día Xóvenes Agricultores. Alberto Nuñez Feijóo non descarta, iso se, investigalas.
ANTECEDENTES DA OPERACIÓN
O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que comezou a dirixir este investigación sobre trata de seres humanos e contra a prostitución en decembro de 2018, citou na mañá deste xoves ás seis persoas arrestadas en Galicia. Cinco son paraguaios, varias mulleres.
COOPERACIÓN CON URUGUAI
A operación foi levada a cabo pola Brigada de Estranxeiría de Madrid, a Brigada de Estranxeiría de Santiago de Compostela e a Fiscalía de Paraguai. Tres axentes suramericanos acudiron a España.
No marco deste operativo, ademais das nove detencións, practicáronse seis entradas e rexistros no partido xudicial de Santiago de Compostela. Nos rexistros incautáronse pequenas cantidades de droga.
No marco desta operación investígase unha rede que captaba mulleres en Paraguai e traíaas a Santiago de Compostela e outras, onde eran obrigadas a exercer a prostitución.
Segundo as imaxes emitidas en directo pola televisión paraguaia, ao mesmo tempo que se rexistraban pisos en España, entrábase nun domicilio e nunha axencia de viaxes, Viaxes Queen, en Cidade do Leste (Paraguai). Alí foron detidos tres persoas nun operativo que contou coa presenza polo menos de dous policías españois.
Os medios dese país informan da detención de tres persoas en Ciudad del Este. Nestor Areco (23 anos), Élida Vergara (43 anos) e Emerenciano Pereira. Entrouse nun domicilio particular de Nelson Ocampo e incautouse numerosa documentación na axencia de viaxes Queen Travel, de Olga Esther Leiva. Estas persoas serían as encargadas de captar mozas para levalas despois a pisos de Santiago, Madrid e Málaga.
TRAFICARON CON MENORES?
Entre os delitos polos que se segue a causa inclúese trata de seres humanos con fins de explotación sexual, favorecimiento da prostitución e tamén alteración do estado civil de menores, sinalaron fontes xudiciais. E é que os policías sospeitan que varias das mulleres liberadas en España poden ser menores de idade, aínda que os seus papeis digan o contrario. En España, foron rescatadas 12 presuntas vítimas das cales 11 son de nacionalidade paraguaia e 1 colombiana.
Escribe o teu comentario