Un Bréxit caótico máis preto ao rexeitar o Parlamento outra vez o acordo de May
Theresa May prometeu o pasado mércores que dimitiría se o seu acordo saía adiante, pero a Cámara dos Comúns rexeitouno por 58 votos.
Nin sequera a promesa de que a 'premier' ía dimitir conmoveu aos deputados británicos. A Cámara dos Comúns rexeitou novamente este venres o Acordo de Retirada alcanzado pola primeira ministra, Theresa May, coa Unión Europea para o Brexit, o que sitúa ao país a un paso de abandonar o bloque sen acordo o próximo 12 de abril.
O texto foi rexeitado por 344 votos, mentres que 286 deputados votaron a favor. Esta é a terceira vez que os parlamentarios rexeitan o acordo de May, aínda que en cada unha das votacións conseguiu o respaldo de máis deputados.
A votación deste venres era o último intento do Goberno británico de cumprir coas esixencias dos seus socios da UE de aprobar o acordo esta semana para garantir unha prórroga do Brexit ata o 22 de maio.
Tras coñecer o resultado, a 'premier' afirmou que é "motivo de profundo pesar o que unha vez máis esta Cámara fose incapaz de apoiar saír da UE dunha forma ordenada" e advertiu de que as implicacións que iso ten son "graves".
Como consecuencia, subliñou, "o Reino Unido debe deixar (a UE) o 12 de abril, en só catorce días", polo que preveu de que calquera outra vía implicaría, "case con toda seguridade", que Reino Unido celebre as eleccións europeas. "Témome que estamos a chegar aos límites deste proceso na Cámara", remachou.
Escribe o teu comentario