Miles de persoas saen á rúa na Mariña para defender a sanidade pública
Máis persoal, máis medios e reverter a supresión da súa área sanitaria. Isto é o que reclamaron miles de veciños marchando polas rúas de Burela este xoves pola tarde
Burela acolleu este xoves unha manifestación convocada pola plataforma sanitaria da Mariña en defensa da sanidade pública e para esixir que esta comarca de Lugo sexa "unha área propia".
APOIO DE POLÍTICOS DE ESQUERDAS
Unhas 2.000 persoas participaron, segundo fontes da organización. Á protesta acudiron políticos da oposición, como o líder do PSdeG Gonzalo Caballero e a deputada nacionalista Olalla Rodil (BNG).
Tras a marcha por esta localidade, os participantes na mobilización leron un manifesto que, en concreto, denuncia "a deterioración constante" que sofre a sanidade na Mariña e ha enumera reivindicacións en materia de atención primaria e atención hospitalaria.
OS SOCIALISTAS CARGAN CONTRA O FIN DA ÁREA SANITARIA
O PSdeG, que estivo presente a través de varios representantes, empezando polo seu líder, Gonzalo Caballero, subliñou que en menos dun ano esta plataforma recolleu máis de 1.500 reclamacións de veciños polas carencias de servizos.
En declaracións aos medios de comunicación, Caballero lamentou a "supresión das áreas sanitarias" e viu nela "unha mostra de como o PP non entende a importancia de ter unha sanidade pública de calidade, gratuíta e próxima á cidadanía".
MANIFESTO REIVINDICATIVO
"Esiximos que se nos devolva a área sanitaria que nos roubaron. Esiximos a derrogación desta lei de saúde. Esiximos que A Mariña sexa unha área sanitaria propia tal e como o é a veciña comarca de Ferrol, con similar número de habitantes e sen as distancias que hai na Mariña ao hospital de Lugo", denunciaron os manifestantes.
Ademais, demandaron "que se dote de recursos humanos e materiais" os seus centros de saúde, a ampliación de edificios "acompañada dunha ampliación real de servizos" e de recursos humanos "adecuados" para garantir unha asistencia sanitaria "de calidade".
Escribe o teu comentario