A Xunta cre que o envellecemento de Galicia "pódese ver como un éxito" que abre "moitas vantaxes"
Un de cada catro galegos xa ten máis de 65 anos. Ourense é a provincia máis envellecida de España. Xa hai 519.646 persoas galegas vivindo no estranxeiro. A pesar da evidencia da crise demográfica, o Goberno argumenta no Parlamento que "iso é positivo porque pode traer moitas máis vantaxes".
Un de cada catro galegos xa ten máis de 65 anos. Ourense é a provincia máis envellecida de España. Xa hai 519.646 persoas galegas vivindo no estranxeiro. A pesar da evidencia da crise demográfica, o Goberno argumenta no Parlamento que "iso é positivo porque pode traer moitas máis vantaxes".
A directora xeral de Familia, Amparo González, sinalou que o feito de que Galicia rexistre o maior envellecemento da poboación "tamén se pode ver como un éxito", xa que "supón que aumentou a esperanza de vida".
"Iso é un éxito porque se está traballando a todos os niveis para que teñamos maior calidade de vida", valorou a responsable de Familia de la Xunta a preguntas da deputada de En Marea Julia Torregrosa na comisión de economía.
DEBATE SOBRE A CRISE DEMOGRÁFICA
Torregrosa interrogáballe sobre os resultados das políticas públicas orientadas a fomentar a natalidade e a cambiar a pirámide demográfica en Galicia.
González, consciente de que "é certo" que un de cada catro habitantes galegos ten máis de 65 anos, insistiu na réplica en que "iso é algo positivo" e avogou por "ser capaces de xestionar ese envellecemento". "Iso é positivo porque pode traer moitas máis vantaxes", aseverou.
ARGUMENTOS DA MANDATARIA PÚBLICA
Na súa intervención, a responsable de Familia cualificou de "prioridade" o reto demográfico para o Goberno galego, para o que, segundo lembrou, preparou unha lei de impulso que "verá a luz" nas "próximas semanas" e converterá á comunidade en "primeira" en contar cunha norma neste ámbito.
Deste xeito, apelou a que son máis comunidades as que comparten o obxectivo de mellorar a súa situación demográfica e argumentou que as medidas neste campo teñen efecto sobre todo a medio e longo prazo.
En calquera caso, reivindicou estar "a incorporar a perspectiva demográfica en todos os ámbitos" e ser a "quinta comunidade que máis nacementos ten en España".
Outro dato "obxectivo e positivo" que sinalou é o da cifra de "galegos nados en Galicia que saíron do país", que "decreceu en 2.549 persoas desde o ano pasado". Delas, indicou que 2.440 estaban en idade laboral. Tamén, entre outras, chamou a atención sobre as casas niño, con 61 "funcionando".
Escribe o teu comentario