Hai quen non tendo moito que dicir, busca a provocación e o enfrontamento para seguir alimentando aos seus seguidores que esperan del algo do que carece. É a maneira de disimular a incompetencia. "O que quere interesar aos demais ten que provocalos", dicía Salvador Dalí, un catalán universal que empregaba, sen necesidade, a provocación divertida, porque era un xenio que viviu como quixo e non necesitaba xustificar nada.
Quim Torra, que lle colleu o gusto ao cargo de presidente da Generalitat, será recoñecido nun futuro, no presente tamén, pola súa xestión plana, por ser o presidente dunha parte da cidadanía, por provocar e por absterse de contar a verdade, ou o que é o mesmo, mentir.
En Catalunya, leva xa tempo coa batalla dos lazos amarelos e outros elementos decorativos nos edificios públicos cuxo significado é sobradamente coñecido, sen que fose posible, ata agora, quitalos, por aquilo da neutralidade que deben ter as institucións. Agora, a Xunta Electoral di, tras as denuncias de Ciudadanos e PP, que si ou si hai que proceder a retiralos. Decisión que non gustou aos dirixentes e gobernantes independentistas, que invocan á tan manoseada liberdade de expresión e todas esas carracas das que se serven para non respectar as leis.
Torra, que segue esa estelada de provocación constante co Estado e a xudicatura, manifesta un día si e outro tamén que non está disposto a cumprir o que di a JE.
Como o prazo dado chegaba ao límite, acudiu ao Síndic de Greuges, Rafael Ribó, a quen lle encanta estar en todas as salsas, co fin de que manifestase a súa opinión sobre o tema.
Este mércores facíase oficial a recomendación de Ribó na que instaba o presidente da Generalitat a cumprir o mandado da Xunta Electoral na que pedía a retirada de lazos e outros símbolos en campaña electoral. Dáse a circunstancia de que Torra coñecía xa fai uns cantos días a decisión que onte, o mesmo Ribó, en rolda de prensa, facía pública, do que se deduce que Ribó prestouse ao engano de Torra, quen na tarde deste mércores manifestaba que seguiría as recomendacións do Síndic, pero que non daría ningunha orde para que se retiren os elementos amarelos.
Mentres, os ideólogos están a preparar a forma de substituílos por outros elementos simbólicos referidos ao mesmo tema.
Os primeiros en facelo foron os da Conselleria de Agricultura, onde colocaron nos cristais textos alusivos aos políticos presos e uns animaliños que sofren ictericia pola cor dos seus corpos. Que sucederá agora con estos novos símbolos? Pois, como a política é puro teatro, en moitas ocasións o que explican os políticos non ten nada que ver coa realidade.
A estratexia do Govern de Torra de levar ao límite as súas provocacións co Estado "colonizador" só serve para quentar máis o ambiente nunha sociedade catalá xa tensionada que o que necesita son gobernantes que dean solucións con diálogo e sentido común e que non que boten máis leña ao lume, que o forno non está para moitos bolos.
Di un refrán popular que "Quen moito ameaza, o medo ten en casa". Pois iso.
Escribe o teu comentario