​A complicada relación de Celta e Depor cos seus ultras

Os xogadores do cadro herculino recibiron onte a visita de medio centenar de membros dos Riazor Blues durante o adestramento.


|

Os xogadores do cadro herculino recibiron onte a visita de medio centenar de membros dos Riazor Blues durante o adestramento.


Riazor blues

Os xogadores do depor adestran cos Blues de fondo / Foto: RC Deportivo


O adestramento do Depor onte en Abegondo foi particularmente colorido, se se pode definir así. Medio centenar de Riazor Blues achegáronse á sesión matinal do Deportivo da Coruña para animar aos seus antes do partido ante o Almería, conscientes de que o ritmo que marca o cadro branquiazul nas últimas datas non é o mellor para pelexar polo ascenso.


Entre bengalas, bandeiras e canticos, os homes de Natxo González recibiron o impulso dos ultras herculinos, que esperan que o equipo dos seus amores dea o do de peito despois de catro xornadas seguidas sen gañar e tras catro partidos seguidos como local sen regalar unha vitoria aos seus.


Como agradecemento, os xogadores do Depor devolveron o xesto aos seus afeccionados detendo o adestramento á metade da sesión e aplaudindo aos incondicionais desprazados a Abegondo. Un xesto perigoso, xa que, aínda que afeccionados, hai que lembrar que os Riazor Blues son un grupo ultra organizado. Aínda que non é a primeira vez que os xogadores do Depor estreitan lazos cos radicais coruñeses, non deben caer no erro de confraternizar en exceso con eles, porque os que agora aplauden son os mesmos que mañá poden manchar a imaxe do club con altercados con ultras rivais. Porque xa pasou.


CASO PARECIDO EN VIGO

Con todo, o ocorrido en Abegondo non é un caso illado esta tempada en Galicia. En A Madroa viviuse unha situación parecida o pasado xaneiro. Radicais celestes achegáronse ao adestramento do Celta de Vigou, por entón con Cardoso á fronte do banco de Balaidos, para protestar polo ritmo do equipo.


Nesa ocasión foron unha vintena de encapuchados os que foron á sesión preparatoria do cadro vigués que se celebraba a porta pechada e, con peores formas que no caso do Deportivo e os Blues, todo hai que dicilo, pediron á seguridade do recinto falar cos capitáns do Celta.


Ante a imposibilidade de poder dirixirse aos capitáns, os encapuchados esixiron aos xogadores “máis actitude” e lembráronlles que “o escudo non se mancha”. Neste caso, ningún xogador do cadro vigués dirixiuse aos afeccionados, marcando distancias, polo menos neste caso, entre o equipo e os ultras.


Difícil para os dous conxuntos lidar cunha situación así. Aínda que en moitos casos sexan o pulmón da bancada, os clubs non poden verse sometidos aos seus radicais. Non hai nada máis perigoso que ver como os ultras acábanse apoderando dos fondos, logo do estadio e por último do club. Pasou e seguirá pasando. Pero nin o Depor nin o Celta pertencen a unha “raza de afeccionados” concreta. Son, e serán sempre, de todos os seus afeccionados. Porque o sentimento non entende de marcas.





Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE