​Mulleres, en pé. Nin un paso atrás!

Lidia Senra

Lida Senra Rodríguez (A Pobra do Brollón, 14 de xuño de 1958) é unha histórica sindicalista do campo galego. Durante moitos anos, foi secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. É deputada galega no Parlamento Europeo, elixida por Alternativa Galega de Esquerdas en Europa e integrada en GUE/ NGL.

Ao longo da historia as conquistas das mulleres foron moitas. Cando o debate, a mobilización e as loitas feministas son fortes, resulta difícil para os beneficiados do sistema patriarcal votar en contra das leis impulsadas para facer avanzar os dereitos das mulleres. A inmensa maioría acaba movéndose no ámbito do politicamente correcto, votando a favor desas leis, conscientes de que a seguinte batalla que teremos que dar as mulleres será pola aplicación das leis, pois o sistema ten os resortes suficientes (educación, sistema xudicial, administración) para que a aplicación non ameace a súa raíz. Neste contexto, atopámonos coa fenda salarial, a fenda nas pensións, a case nula aplicación da titularidade compartida nas explotacións agrarias, as sentenzas machistas ...


Cando o debate e a loita feminista conseguen penetrar na sociedade, o machismo dá un paso atrás, pero permanece agochado para atacar nos momentos nos que as mulleres baixamos a garda e descoidamos, ou pasamos a segundo plano, o feminismo. Por iso creo que é  fundamental e debe ser unha prioridade para nós, as mulleres, a loita feminista. Non podemos consentir que se fale de democracia mentres non se respecten plenamente os dereitos das mulleres.


Agora mesmo estamos nun momento no que o capitalismo precisa de gobernos autoritarios, de extrema dereita, para levar adiante as reformas máis salvaxes e agresivas contra a clase traballadora e para apropiarse dos recursos naturais do planeta. Gobernos insensíbeis ante o drama social que xeran as políticas neoliberais, irresponsábeis ante a crise climática. 


Neste momento no que as políticas de concentración de riqueza están destruindo masivamente empregos e convertendo á clase traballadora en pobres, as mulleres somos o primeiro obxectivo. Por iso non só se consinte a precarización e a fenda salarial, senón que tamén se está promovendo a nosa volta ao fogar mediante políticas de privatización e recortes nos servizos públicos. Mingua así a independencia económica e alonxámonos dos dereitos que tanto nos custou conseguir. Neste punto, capitalismo, o patriarcado e a extrema dereita van da man. Os seus intereses con respecto ao papel das mulleres conflúen plenamente. Non é casual que o primeiro que se poña enriba da mesa de negociación para a investidura do Presidente de Andalucía sexa a derrogación da Lei contra a violencia machista, como tampouco é casual que o Partido Popular estea saíndo do politicamente correcto e acepte negociar coa extrema dereita. 


As mulleres somos conscientes de que a mobilización, o debate e o fortalecemento do Movemento feminista son funtamentais. A resposta á folga feminista no 8 de marzo, a resposta continuada ante os ataques que estamos recibindo e a incorporación cada vez maior das mozas ás mobilizacións e ao movemento feminista poñen de manifesto que as mulleres estamos fartas de tanta inxustiza e de tanta violencia e que non estamos dispostas a retroceder. 


É fundamental pararlle os pés á extrema dereita e á dereita disposta a negociar coa nosa vida e co noso futuro. Por iso considero que temos que dar a batalla, tamén para que as mulleres tomemos conciencia dos programas que defenden estes partidos políticos e de como pretenden sacarnos os dereitos, se chegan a ter responsabilidades de goberno.


Cartel manifestacion feminista santiago 8M lidia senra

Lídia Senra. Labrega. Deputada galega no Parlamento Europeo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE