“Os que ladran berrando ‘feminazi’ fan apoloxía da ignorancia máis absoluta”

Olalla Rodil (Ribeira de Piquin, Lugo, 1989) é unha das parlamentarias máis implicadas no movemento feminista. A deputada polo BNG atende a Galiciapress para expoñer que espera da folga e as marchas do 8 de marzo, comentar as polémicas en torno ao autobús de ‘Hazte Oir’ e o ‘Feminismo Liberal’ e advertir á dereita que utiliza o feminismo con fins electoralistas de que “van ter en fronte sempre ás feministas”.


|

Olalla Rodil (Ribeira de Piquin, Lugo, 1989) é unha das parlamentarias máis implicadas no movemento feminista. A deputada polo BNG atende a Galiciapress para expoñer que espera da folga e as marchas do 8 de marzo, comentar as polémicas en torno ao autobús de ‘Hazte Oir’ e o ‘Feminismo Liberal’ e advertir á dereita que utiliza o feminismo con fins electoralistas de que “van ter en fronte sempre ás feministas”.


Olalla rodil

A deputada Olalla Rodil atende a Galiciapress na vispera do 8M


O último 8M foi todo un exemplo da unidade e o hartazgo da sociedade contra a desigualdade, a violencia machista en todas as súas formas e pola reivindicación de igualdade de dereitos. Que espera da folga e as mobilizacións deste 8M?

Creo que vai ser histórico outra vez. O ano pasado foi impresionante, con esas imaxes de todas as cidades e pobos de Galicia completamente abarrotados polo movemento feminista, e creo que este ano tamén temos unha oportunidade dobre de demostrar que estamos absolutamente fartas da desigualdade estrutural que padecemos as mulleres polo simple feito de ser mulleres. Por unha banda temos a folga feminista de 24 horas convocadas por algunhas organizacións sindicais, como a CIG, mentres que outras anunciaron paróns de 2 horas nas quendas de mañá e tarde, aínda que a folga de 24 horas era o que reclamaba o movemento.


Imos ter tamén a oportunidade de demostrar con esta folga que se nós paramos non funciona unha boa parte da sociedade, e non só no ámbito laboral, senón que é tamén unha folga estudantil, de coidados e no consumo, para denunciar como as mulleres cargamos aos nosos ombreiros as tarefas do coidado dos fillos, das persoas dependentes, do conxunto dos labores domésticos e demostrar que non podemos seguir asumindo ese rol en solitario, que necesitamos tamén a corresponsabilidade da outra metade da sociedade, dos homes, pero tamén da administración pública que ten que fornecer os servizos garantan esa corresponsabilidade e ese dereito para conciliar a nosa vida familiar e persoal. E, polo outro lado, temos unha nova oportunidade, neste caso nas concentracións nocturnas, que estou segura volverán ser multitudinarias porque esta situación é insoportable.


manifestación do pasado domingo, na que vostede estivo presente, xa foi todo un exemplo. Pode mellorar en cifras ao vivido o ano pasado?

Non o sei, non teño esa capacidade de proxección, pero estou segura de que volverán ser multitudinarias. É interesante a manifestación do día 3 celebrada en Lugo porque o movemento feminista galego é o único que ten unha mobilización nacional nos días previos ao 8 de marzo, e iso demostra a viveza e a unidade que están a manter as organizacións feministas e outras organizacións, como é o caso de Bloque Nacionalista Galego, onde tamén apoiamos as mobilizacións e volvemos demostrar que se pode reivindicar e denunciar esa situación de discriminación e desigualdade que sufrimos as mulleres desde un ton festivo. Estou segura que as mobilizacións do 8M, xa sexan as convocadas polo día como as convocadas a partir das 20 horas, volverán ser masivas.


Manifestacion de lugo

"Demostramos que se pode reivindicar e denunciar a discriminación e desigualdade desde un ton festivo"


Contra que problemas enfróntanse as nenas de hoxe de Ribeira de Piquín non existían que antes?

(Suspira) Creo que seguen sendo os mesmos. Temos avanzado moito, iso tamén hai que poñelo en valor, porque conquistamos moitos dereitos grazas á loita do movemento feminista. Conseguimos poder divorciarnos, poder traballar sen a autorización do pai ou do marido, poder ser responsables do diñeiro que gañamos, porque ata os anos 70 había que pedir permiso para xestionar o noso propio diñeiro, hoxe en día a violencia machista é un delito no que ningún home pódeche agredir polo simple feito de ser muller…É dicir: avanzouse no plano formal, pero o que vemos é que a realidade vai noutro sentido. Téñense recoñecidos dereitos sobre o papel pero logo non se aplican de maneira efectiva.


O que soporta calquera persoa na Ribeira de Piquín, calquera nena de aí ou de practicamente calquera lugar do mundo, é que imos cobrar menos por realizar o mesmo traballo que un home, esa brecha salarial é unha realidade e está cuantificada, imos ter medo de regreso a casa soas porque poida vir alguén e agredirnos ou violarnos, a ser agredida ou acosada sexualmente no traballo…Creo que a realidade que vivimos as mulleres leva sendo a mesma moitos anos, porque esa discriminación séguese mantendo a pesar dos avances e o que reclamamos no movemento feminista é a implicación real, abandonar a hipocrisía na que estamos instalados e que denunciamos desde o BNG na campaña que lanzamos para este 8 de marzo (#OSeuLazoSeñorPresidente), con esa hipocrisía daquel que se pon un lazo morado ese día pero os 364 días restantes non fai nada para desenvolver políticas reais que cambien esta situación.


O que vimos é que, do 8M do ano pasado ao 8M de 2019, polo menos na Xunta de Galicia, non tomaron nota das reivindicacións feministas e teñen mesmo votado en contra de propostas impulsadas polo BNG que querían poñer encima da mesa esa ‘Axenda feminista galega’ que levamos reclamando desde fai máis dun ano.


Entendo entón que, aínda que hai obstáculos que desapareceron, non son do todo efectivos desde o seu punto de vista. Un exemplo é o estudo presentado polo colectivo de técnicos de Facenda onde se reflicte que a fenda salarial en Galicia é do 27%.

O que necesitamos é que se impliquen as administracións públicas, porque o que pon o papel reflicte que é ilegal que ti cobres menos polo feito de ser unha muller. Con todo, os datos estatísticos demostran que non é así, e que a través de subterfugios como son os complementos salariais, hai unha discriminación que fai cobrar menos ás mulleres fronte aos homes, aínda que realicen a mesma actividade. Iso soluciónase con implicación política, con decisións políticas que obriguen, como propuxo o BNG en máis dunha ocasión no Parlamento, a facer públicas as táboas salariais, ou a creación de organismos dentro da Xunta, como tamén defendemos, que vele polo exercicio e a garantía dos dereitos que temos recoñecidos pero que se non cumpren.


Falamos da fenda salarial pero poderiamos falar doutros tipos de desigualdade. É inadmisible que isto ocorra nunha sociedade democrática, porque impedimos á metade da poboación que goce dos dereitos que ten polo simple feito de ser mulleres, e iso é o que o movemento feminista pon encima da mesa como unha cuestión que debe implicar a todas as administracións públicas e todos os poderes políticos para que deixemos isto atrás dunha vez por todas e empecemos a garantir esa sociedade democrática para o conxunto da poboación.


“NON HAI QUE DARLLE IMPORTANCIA A INSULTOS COMO ‘FEMINAZI’”

O machismo é un problema cultural e de educación, pero é tamén de educación sexual? Vostede defende a implantación de programas deste tipo nos centros de ensino galegos.

Levámolo a semana pasada ao Parlamento porque o que vemos é que a sexualidade é unha parte fundamental no desenvolvemento das persoas, así está recoñecido pola ONU, e ter acceso a unha educación sexual é un dereito humano, algo que tamén recoñece as Nacións Unidas. O que vemos é que as administracións, todo o ámbito público, tamén as familias, decidiron declinar a súa responsabilidade nesa materia e non facer nada, e a pesar de tomar esa postura iso non evita que os mozos teñan acceso a información en materia de sexualidade. O problema é que ese espazo, que debería ser central do ámbito público, está a ocupalo a pornografía. É a que ten o poder case absoluto na construción de referentes, dando unha idea absolutamente irreal do que é a sexualidade, e contribúe a que se reproduzan roles e estereotipos machistas e absolutamente violentos.


Nós temos que intervir en todos os ámbitos da sociedade onde se reproduce o patriarcado e o machismo, que o impregna absolutamente todo. Desde o BNG o que propoñemos é que se desenvolva desde a Xunta de Galicia un plan de educación sexual que permita construír referentes saudables, baseados no respecto, en relacións democráticas no ámbito das relacións persoais e, por suposto, da propia sexualidade e a afectividade. O sexo vai moito máis alá do que concibimos como tal, ten moito que ver en como nos relacionamos. Podemos evitar unha xeración de mozos confusos sexualmente e moi frustrados.


E que hai do termo ‘feminazi’? Tan comentado estes días polo autobús de ‘Hazte Oir’…

Nós o que vemos é que nese tipo de inultos, dos que levamos sendo obxecto o movemento feminista desde sempre, o que tentan é desprestixiar o propio movemento e confundir á sociedade sobre o que representa o feminismo e o pensamento feminista, que non é outra cousa que a loita polo dereito das mulleres para ser persoas e a gozar de todos os seus dereitos a ser persoas. Eu non lle daría nin demasiada importancia a este tipo de insultos.


Unha das responsabilidades que temos é dar a coñecer cales son as nosas propostas, e estas son construír unha sociedade vivible para o conxunto da poboación e sobre todo para construír unha sociedade diferente: máis xusta, máis equitativa, máis tolerante, onde non se discrimine a ninguén polo seu xénero ou polo seu sexo. E todos estes que ladran paréceme que fan unha apoloxía da ignorancia máis absoluta e creo que non se lles debería dar nin sequera espazo para que proxecten as súas mensaxes que van en contra da metade da poboación.

O espazo da educación sexual está a ocupalo a pornografía

Hai pouco unha amiga comentáronme o caso dunha moza trans que dicía sentirse excluída por outras mulleres dentro da loita feminista. Loxicamente, cabemos todos e todas na loita feminista e o terceiro punto do manifesto feminista deste ano faise unha mención expresa ás mulleres trans, pero cre que existen casos de exclusión por parte de integrantes do movemento feminista que consideran que parte da poboación, como poden ser incluso os homes feministas, tentan ocupar un espazo que só corresponde ás mulleres?

Creo que o movemento feminista galego sempre foi diverso e recoñeceuse orgullosamente diverso. As mulleres trans son mulleres, e aí non hai discusión. Todas as persoas que sosteñan e apoien os principios do movemento e o pensamento feminista fan parte deste movemento. Evidentemente, cando falamos dos homes, temos que ver cal é a posición que teñen que ocupar e o papel que teñen que xogar. É verdade que os homes cumpren un papel fundamental, porque van ter que asumir que levan gozando secularmente duns privilexios que están na base da opresión das mulleres e da discriminación das mulleres. Teñen que ser aliados para cambiar esa sociedade e facela máis equitativa, xusta e democrática. Pero todas as persoas que defendamos os dereitos das mulleres, que vaiamos en contra da discriminación á que estamos sometidas a metade da poboación teñen oco neste movemento revolucionario, transformador e puramente democrático.


Faiche oir

"Todos os que ladran fan unha apoloxía da ignorancia máis absoluta"


Vostede tamén é xornalista e esta semana puxo como exemplo o caso dun diario no que informaba, digamos de mala maneira, da vitoria de Ana Peleteiro no europeo de atletismo. É o xornalismo un pau na roda da loita feminista?

Non é un pau na roda. O xornalismo reproduce o que está presente na sociedade. Vivimos nunha sociedade machista e o xornalismo así o reproduce. No caso de Ana Peleteiro, ou en xeral o tratamento informativo das mulleres no deporte, segue eses estereotipos. O que necesitamos é perspectiva de xénero no xornalismo e para iso fai falta formación dos cadros de persoal, das redaccións e a implicación dos propios medios como empresas no papel relevante que xogan á hora de construír a realidade e interpretala. Por iso é fundamental o traballo que desenvolven as xornalistas galegas, poñendo encima da mesa a necesidade que temos de cambiar a óptica coa que enfocamos a realidade desde o xornalismo.


Non pode ser, volvendo ao caso de Ana Peleteiro, que as mulleres deportistas ocupen apenas o 4% das informacións deportivas. E cando temos a oportunidade de cubrir o éxito deportivo dunha das mellores deportistas galegas dos últimos anos, o que parece interesar é a súa vida persoal ou familiar e non como consegue 14,73 metros, a mellor marca a nivel europeo da tempada. É inadmisible. Pero o que necesitamos é perspectiva de xénero, formación e a implicación dos medios de comunicación, que son un elemento fundamental para cambiar a sociedade na que vivimos.


“ABASCAL E PP: MESMO PRODUTO PERO CON OUTRA EMBALAXE”

Ultimamente a actualidade vira en torno ao ascenso da extrema dereita española e o pulso que mantén con Cidadáns e PP por gañar votos para as eleccións de abril e maio. O pasado domingo, en Lugo, Pontón dixo que era o momento de "parar os pés a esa dereita, carca e rancia, que de novo o que está a poñer en cuestión son os dereitos das mulleres". Como de perigosa é este discurso ou esta pelexa para as mulleres, onde nin os partidos políticos son capaces de chegar a un punto común?

Os movementos reaccionarios estiveron sempre aí. Sempre se enfrontaron e mostraron resistencias a calquera avance do movemento feminista. O PP ademais leva facendo gala diso desde sempre: opuxéronse á primeira reforma da lei do aborto do ano 85, levárono mesmo ante o Tribunal Constitucional e votaron en contra as dúas veces que levou a votación, opuxéronse á lei de interrupción voluntaria do embarazo no ano 2010, cando entraron pola porta de Moncloa tentaron con Alberto Ruíz Gallardón negar un dereito fundamental das mulleres como é o de decidir sobre a sexualidade sobre os nosos propios corpos.


Estes discursos, que teñen portavoces diferentes, agora hai outro partido político por aí que ao final non deixa de saír do propio PP, o señor Abascal levaba militando o Partido Popular toda a vida, non deixa de ser o mesmo produto pero con outra embalaxe. Sempre estiveron aí e sempre van estar aí. O importante, e ademais así o conseguiu nos últimos anos o movemento feminista, é ser maioritario. Porque falamos de dereitos humanos. E calquera forza, xa sexa unha institución como a Igrexa, que sempre se mostrou contraria ao movemento, ou de grupúsculos como os que teñen por aí un autobús, ou partidos políticos reaccionarios…nós estamos aí para facerlles fronte, para pararlles os pés e para seguir defendendo os dereitos humanos que corresponden ao conxunto da poboación, e que se lles nega á metade da mesma. Van ter en fronte sempre. Fomos capaces de frear esa reforma da lei do aborto impulsada polo PP ata o punto de que Gallarón tivo que dimitir. Iso demostra o poder do feminismo, que é un movemento forte e que non vai permitir que eses discursos poñan en risco os dereitos que tanto nos custou conseguir. O que temos que facer como sociedade é seguir avanzando cara á igualdade social.


Úsase o feminismo con fins de márketing político?

Hai intentos. Puidémolo ver estes días nos que algunha organización política lanzaba un decálogo de ‘Feminismo liberal’ que…bo, creo que hai xente que non se leu un libro na súa vida e non sabe nin do que está a falar. Existe un interese por apropiarse deste movemento? Creo que si. Pero tamén o movemento feminista, sobre todo o galego, falo sempre en clave galega, creo que o manifesto que lanzou ‘Galegas8M’ou a Marcha Mundial das Mulleres con motivo disto 8 de marzo deixa bastante claro que temos uns obxectivo políticos moi concretos e non nos deixamos enganar por estes discurso electoralistas que pretenden subirse ao carro, pero que logo promoven en paralelo iniciativas que van contra os dereitos das mulleres, como a xestación subrogada. Cidadáns é o exemplo máis palmario disto. Creo que hai unha vontade electoralista en todo isto pero as mulleres non somos parvas e temos claro quen está a favor dos dereitos das mulleres e quen pretende gobernar en contra de nós.

Inés Arrimadas demostra unha ignorancia absoluta e non saber do que fala

Menciona este decálogo. Que pode dicir deste ‘Feminismo liberal’ que expón Cidadáns? Ese que contén puntos como “nunca haberá igualdade sen liberdade”, “o feminismo é necesario en España e en Europa” ou ataques á linguaxe inclusiva e defendendo os ventres de aluguer, algo ao que vostede xa fixo pública a súa postura.

Insisto, creo que é xente que non se leu un libro na súa vida e que non ten nin idea do que fala. O que tentan é coller un concepto como o feminismo e tentar envolvelo dunha ideoloxía contraria aos dereitos da muller. Xa o termo ‘Liberal’ e o modelo social, político e económico que defende o liberalismo van en contra dos dereitos das mulleres e está na base desa discriminación que nós vimos denunciando. Creo que o exemplo máis claro é precisamente a idea de legalizar os ventres de aluguer, convertendo ás mulleres en vasos, en incubadoras para outros, afectando as mulleres máis empobrecidas e reducindo ás mulleres unicamente á súa capacidade reprodutiva. Escoitando a Inés Arrimadas nos medios o que creo que demostra é unha ignorancia absoluta e que non sabe do que fala.


Uno dos principais motivos da folga do día 8, talvez o principal, é a violencia machista. Que pode dicir sobre as palabras de Casado referíndose aos maltratadores como “esas persoas que non se están portando ben”?

Volvemos escoitarlle falar de violencia doméstica, cando custou moitísimo poñerlle o nome que realmente debe ter esta violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de ser mulleres. Simone de Beauvoir sempre dicía, e así o deixou por escrito, que bastará calquera crise política ou relixiosa ou económica para poñer en cuestión os dereitos das mulleres.


É o que estamos a ver agora. O PP, con esa hipocrisía do lazo na lapela unha vez ao ano, tentouse facer pasar por unha organización defensora dos dereitos das mulleres agora saca a súa verdadeira cara, que é a da negación da violencia que se exerce contra as mulleres a pesar das cifras. Van xa máis de mil mulleres asasinadas en España na última década, máis que as vítimas de ETA durante máis de 40 anos! No noso país denúncianse aproximadamente 17 casos de violencia machista diarios…Tentar ocultar esa realidade, confundila ou negala é inadmisible, e ao que non estamos dispostas é a volver dez anos atrás, e Casado ao que vén é a devolver ao PP onde estivo sempre, que non é ao lado dos dereitos das mulleres.



Vai acudir á folga do día 8?

Efectivamente.


E que chamamento fai ás mulleres que se expoñen ir ou non á folga, xa sexa por motivos ideolóxicos ou persoais?

Pídolles que a secunden. É un dereito que teñen e non teñen que pedirlle permiso a ninguén. É un dereito ir á folga do 8M. Estamos ante unha oportunidade histórica de demostrar que sen nós o mundo non funciona, que a metade da poboación ten que ver garantidos os seus dereitos fundamentais que en pleno S.XXI están a negarnos. E temos a oportunidade de coller ese impulso para reivindicar a tan necesaria ‘Axenda feminista galega’, con cambios estruturais en termos económicos, sociais e políticos para construír unha Galicia feminista que se merece o conxunto da poboación, non só as mulleres. 


Galiciapress pubicará proxiamete a segunda parte da entrevista a Olalla Rodil, onde a deputada responderá a cuestións con vistasa as eleccións de abril e maio. 

relacionada Case 10.000 galegas maniféstanse polos dereitos das mulleres
relacionada Galicia tardará seis séculos en superar a desigualdade da brecha salarial
relacionada O feminismo cubre ás estatuas ferrolás con mandiles
relacionada As Pussy Riot na Coruña ao fío do Día da Muller

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE