A deputada Alexandra Fernández pode irse Anova por ser "pata do proxecto de Podemos"

En Marea agradece o seu traballo nas Cortes mentres o seu partido e os seus compañeiros no Congreso gardan silencio despois do seu anuncio

|

En Marea agradece o seu traballo nas Cortes mentres o seu partido e os seus compañeiros no Congreso gardan silencio despois do seu anuncio


A deputada de En Marea Alexandra Fernández, que o pasado xoves anunciou que abandona a primeira liña política para finalizar os seus estudos, confirmou que sopesa abandonar a militancia de Anova, partido ao que acusa de converterse en "pata do proxecto" de Podemos, organización que "pasou dunha forza que falaba de plurinacioalidade a unha forza cada vez máis centrada na realidade madrileña".


Alexandra Fernández, candidata número 1 de En Marea por Pontevedra
Así se expresou na mañá deste venres Fernández en declaracións á Radio Galega, onde subliñou que a decisión débese a motivos persoais, aínda que recoñece sentir decepción co rumbo tomado polo autodenominado proxecto de unidade popular.

O anuncio da parlamentaria de deixar a primeira liña política produciuse nun momento no que o seu nome figuraba nas quinielas para ocupar un lugar destacado na candidatura de En Marea para as xerais nas que, salvo sorpresa, o partido instrumental concorrerá por separado de Anova, EU e Podemos.

APOIO DE EN MAREA, SILENCIO DOS SEUS COLEGAS
O propio partido instrumental emitiu este venres un comunicado no que agradece "o traballo e o compromiso" da deputada durante a lexislatura que agora acaba. Por contra, ningún dos seus compañeiros no Congreso --Yolanda Díaz (EU), Antón Gómez-Reino (Podemos), Ángela Rodríguez (Podemos) e Miguel Anxo Fernán Vello (Anova)-- publicaron algunha mensaxe sobre a marcha de Alexandra Fernández, que recibiu numerosas mensaxes de apoio a través das redes sociais, entre eles o de Luís Villares.

CRÍTICAS A ANVOA
Tampouco o fixo Anova, formación na que aínda milita a viguesa a pesar de que, desde hai dous anos, permanece enfrontada á súa dirección. Fernández recoñeceu este venres que se expón abandonar a formación nacionalista fundada en 2012 tras a saída do BNG da corrente encabezada polo histórico político Xosé Manuel Beiras.

"Estou a repensar a miña militancia en Anova polas últimas declaracións e os últimos movementos", asegurou a aínda deputada, que afirma sentirse "decepcionada" co rumbo do partido nacionalista, xa que percibe que deixou de actuar como "un contrapeso para garantir a autonomía política de En Marea".

"Anova está a facer un papel máis de asentamento, de pata do que é o proxecto de Unidos Podemos", aseverou, para logo apuntar que sente "decepcionada coa alianza con Podemos", unha partido que, segundo Fernández, "foise transformado".

Para a viguesa, o partido morado  "pasou dunha forza que falaba de plurinacionalidadE" nos seus inicios a, co paso do tempo, derivar cara a unha organización "centrada na realidade madrileña e que non tiña un conta a realidade galega".

Alexandra Fernández pon como exemplo diso a polémica  votación dos orzamentos xerais, na que foi a única dos representantes de En Marea que se opuxo á súa tramitación na Cámara seguindo as directrices da dirección política de En Marea. O resto de deputados de En Marea apoiaron as contas negociadas entre o PSOE e Unidos Podemos.

"Quixéronnos obrigar a pasar pola humillación de apoialos, a pesar de que tiñan un recorte do 20% para Galicia", asegura Fernández, distanciada desde hai meses dos seus compañeiros no Congreso, aos que chegou a criticar abertamente acusándoos de antepoñer os seus intereses persoais nas decisións do grupo e de converter a representación da confluencia galega nun "satélite" de Unidos Podemos.

RETOMARÁ Os SEUS ESTUDOS
Así as cousas, Alexandra Fernández afirma que a súa decisión débese a cuestións persoais e que así llo trasladou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, quen convidara á viguesa a candidatarse nas primarias do partido instrumental para as listas do Congreso.

"A política institucional é un período limitado. Teño o meu proxecto de fin de carreira sen terminar e non quero que a política se converta na miña profesión. Por iso teño a urxencia de volver á miña carreira, de coller forzas e de volver á militancia política desde a base", asevera Fernández, que cursa estudos de Arquitectura.

AGRADECEMENTOS DE EN MAREA E DAS VÍTIMAS DO ALVIA
A dirección de En Marea emitiu un comunicado no que agradece o traballo desenvolto por Alexandra Fernández ao longo da lexislatura que agora acaba e deséxalle "o mellor para as súas decisións coa seguridade de que os seus labores seguirán sendo útiles para Galicia e a súa cidadanía".

Ademais, valora o paso dado por Fernández, xa que entende que se trata de "unha demostración máis da maneira" na que a viguesa "entende o servizo público e o carácter cívico ao que se debe a política para ser entendida como unha ferramenta para a sociedade e non un modelo de satisfacer intereses persoais".

Pola súa banda, a plataforma de vítimas do accidente do Alvia mostrou o seu agradecemento polo "excelente traballo" de Fernández na comisión de investigación "en procura da verdade e a mellora da seguridade". "Persoas do sector ferroviario tamén nolo transmitiron", apuntan.

En declaracións a Europa Press, o seu portavoz, Jesús Domínguez, valorou que "investigou e profundou máis aló da 'verdade oficial' estudando en profundidade a documentación e os informes independentes da UE e o perito xudicial". "O seu traballo non quedará en balde", subliña.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE