A Xunta oponse a recoñecer o Ramal Histórico do Camiño Francés que atravesa Touro
O grupo municipal En Marea Touro denuncia que os votos en contra dos populares tombaron a proposición para facer oficial este trazado do Camiño de Santiago, que se vería afectado polo proxecto mineiro de Touro.
O grupo municipal En Marea Touro denuncia que os votos en contra dos populares tombaron a proposición para facer oficial este trazado do Camiño de Santiago, que se vería afectado polo proxecto mineiro de Touro.
A pesar de que organismos como ICOMOS, asesor da UNESCO, recoñecen e instan á Xunta de Galicia a oficializar o Ramal Histórico do Camiño Francés que atravesa Touro como camiño de peregrinaxe, a solicitude presentada por En Marea para que isto leve a cabo non saíu adiante pola negativa do goberno galego.
Esta iniciativa parlamentaria, que contaba co respaldo de asociacións e organizacións de defensa e promoción do Camiño, ademais de entes internacionais e veciños de Touro, era unha proposta que buscaba unha repercusión no “desenvolvemento e dinamización económica do Concello de Touro”. Ademais, este trazado corre o risco de verse afectado se se dá luz verde ao proxecto mineiro de Touro, algo que podería afectar seriamente á condición de Patrimonio da Humanidade.
“A oficialización e posta en valor do Camiño Francés por Touro é unha oportunidade de desenvolvemento económico e social que Touro non pode deixar pasar”, lamenta o grupo municipal, que fai fincapé na “situación demográfica agónica, a precarización dos servizos e falta de oportunidades para a mocidade da localidade”.
“É por isto que mostramos incredulidade pola falta de interese de Ignacio Codesido (alcalde de Touro) sobre o asunto, de quen os veciños esperaban unha resposta decidida e que exercese influencia no seu partido para sacar a proposta adiante”, sinala o comunicado, lamentando que iso “non ocorreu”. Por este motivo, En Marea denuncia “o desgoberno que sofre o municipio e o vergoñoso pasotismo do alcalde ante un asunto de vital importancia”, algo que para o grupo municipal ejemplifica “a nula capacidade e peso político” do rexedor.
Escribe o teu comentario