Á caza do galego encabuxado, os partidos perfilan mensaxes e candidatos para as eleccións do 28 de abril
Seguirá Feijóo en Galicia se o CIS acerta e Casado se esnafra? Tentará Cidadáns a Paco Vázquez? Logrará Vox presentarse polas catro provincias galegas? Analizamos nesta crónica política o escenario político do país de fronte ao #28A.
Seguirá Feijóo en Galicia se o CIS acerta e Casado se esnafra? Tentará Cidadáns a Paco Vázquez? Logrará Vox presentarse polas catro provincias galegas? Analizamos nesta crónica política o escenario político do país cara ao #28A.
Paco Vázquez e Rivera no acto que compartiron en Coruña en novembro
Actividade febril nas sedes dos partidos galegos este venres. Lanzar a enorme loxística que move a campaña dunhas eleccións xerais con menos de dous meses de prazo é un desafío de considerable proporcións. Ademais, hai que perfilar as listas -en moitos casos cando as das locais están sen pechar- e empezar a lanzar as mensaxes crave.
O PP ESQUIVA FALAR DE PACTOS POR AGORA
No PP todos miran a Alberto Nuñez Feijóo. Seguirá en Galicia dentro duns meses se se confirma o escenario do desnostado CIS? É dicir, un PP afundido, superado por Cidadáns e Podemos e lonxe do goberno. Pablo Casado non podería sobrevivir tal desastre e de novo o presidente de la Xunta tería que decidir entre quedar e dar, por fin, o seu tan ansiado salto a Madrid. Algo que podería revolucionar a política galega.
Por agora, o PPdeG esfórzase en marcar distancias cos seus rivais ideolóxicos, e poida que futuros socios na Moncloa. Fronte á ameaza de Cidadáns e Vox, o PPdeG di que non son "unha moda ou un partido de encabuxados". Por agora, evita falar de pactos previos ás eleccións.
CABALLERO, CONTENTO DE NON QUE LLE VOTEN CANDA SÁNCHEZ
No PSOE moitos alcaldes e candidatos respiran aliviados. Non haberá finalmente superdomingo electoral. Tras o fracaso andaluz, moitos temían que os seus resultados quedasen lastrados pola polémica catalá.
Por exemplo, Abel Caballero non se cortou un pelo ao celebrar que o adianto das eleccións xerais --que terán lugar o próximo 28 de abril-- permita que non concidan coas municipais, autonómicas e europeas --convocadas para o 26 de maio-- o que, na súa opinión, garantirá a "calidade democrática" do debate electoral.
A mensaxe oficial que se manda desde a sede galega é alertar dunha posible chegada de Vox a un goberno de coalición. Así, o PSdeG chama a unha "mobilización masiva" para consolidar o cambio progresista fronte ao "bloque de ultradereita".
A PAPELETA DE EN MAREA DIVIDIRASE EN DÚAS
Será capaz En Marea de aparcar a súa gran crise interna para presentar unha fronte común o 28A? Os milagres existen, pero non ten pinta que galegos de esquerda volvan poder apostar por unha única papeleta que inclúa a Podemos, Esquerda Unida, ANOVA e as mareas locais; polo menos as mareas locais que están ao lado de Luís Villares.
"Espero que a esquerda non pasemos á historia por actuar irresponsablemente o último ano" suspiraba hoxe Martiño Noriega. A pesar deste chamamento e o do alcalde da Coruña, o certo é que o Consello das Mareas aprobará este sábado o calendario de primarias para elixir os candidatos ás xerais e Villares xa advertiu aos posibles aspirantes que deben "crer nesta oferta" e "aclarar" os seus principios políticos. É dicir, que quen controla a marca "En Marea" non parece moito pola labor de compartir mitin cos que cuestonan a súa lexitimidade como líder.
Ou a confluencia descobre de reprente un inesperado maniantal de sentido común, ou o 28 de Abril haberá polo menos dúas papeletas no seu espazo político, unha que poña En Marea e que represente aos colectivos locais villaristas, CERNA e os críticos de ANOVA; e outra coa liña oficialista de ANOVA, Podemos, Esquerda Unida, as mareas ferrolá, santiaguesa e herculina. Mal primeiro prato para abrir o apetito antes do prato principal, as eleccións locais que están tamén ao virar a esquina.
O REMANSO DE PAZ DO BNG
Quen llo ía dicir ao Bloque. Despois de anos moi convulsos e dunha importante crise de resultados, a luz ao final do tunel está cada vez máis preto. Esparanzados polo desastre interno da marea, os nacionalistas teñen opcións de volver ás Cortes, polo menos pola provincia da Coruña. Quen será o cabeza de cartel?
O escritor Suso de Toro, que se acaba de afiliar á fronte, podería ser un bo candidato, para o 28A ou as europeas. En todo caso, o Bloque gañou en cohesión interna e non haberá grandes batallas para conformar as listas. O mensaxe electoral será sen dúbida claramente soberanista, para marcar distancias coas mareas e para presentarse como a mellor alternativa para defender os intereses de Galicia en Madrid sen ser súdbitos de Podemos ou doutra forza estatal.
CIDADÁNS GALICIA ANTE A HORA DA VERDADE
Cidadáns é unha forza consolidada en toda España. Ben, non. Como lles lembra unha e outra vez Feijóo, hai unha pequena esquina de indómitos galegos que se resiste unha e outra vez a apostar polos encantos de Albert Rivera e os seus. Os laranxas contan todas as súas participacións electorais no país como enormes fracasos -salvo contadas excepcións a nivel local.
Conseguirán sacar a cabeza dunha vez? O PPdeG fará o imposible para que non o faga, como indica o cualificativo de "moda" que lles espetaron hoxe, porque saben que os laranxas son os que máis votos lle poden birlar.
A portavoz de Cidadáns en Galicia, Olga Louzao, transmitiu o seu "optimismo" ante a convocatoria de eleccións xerais para o próximo 28 de abril e, aínda que lle gustaría que fose antes, sostén que se pecha unha etapa "de intranquilidade" e ábrese unha nova de "futuro" que "beneficiará a Galicia".
Louzao sabe que para concretar ese optimismo en votso necesitan atopar cabezas de cartel atractivos e, se pode ser, coñecidas. Tarefa nada fácil, dado o limitado dos cadros laranxas, cuxos líderes están ademais apunto de apuntarse para encabezar as listas municipais. Dada a situación, non sería de estrañar que volvesen soar nomes de 'paracaidistas' ilustres. Estará Paco Vázquez esperando que o seu amigo Albert Rivera descolgue o teléfono?
LOGRARÁ PRESENTAR LISTAS NAS CATRO PROVINCIAS VOX ?
Se os laranxas téñeno complicado para montar unhas listas atractivas nas catro provincias, o de Vox parece imposible de lograr con tan pouco tempo. Atahfai nada, antes do subidón andaluz, o partido de Santiago Abascal existía nas ciudadades da Coruña, Ferrol e moi pouco máis.
Hoxe hai máis agrupacións, pero están en cueiros. E con tan escasas vimbias, terán que conformar unhas candidaturas presentables sen que se lles coen nomes que non desacrediten o seu esforzo de distanciarse da etiqueta de "ultradereita". Como, segundo o PPdeG, son o "partido dos encabuxados"; persoas interesadas non deberían faltarlle.
E é que, vistos os conflictos internos que sofren todas as forzas, encabuxados coa política hai moitos. Está por ver se o #28deabril serve para minguar o seu número. Por unha vez, dispoñen en principio de moitas e diversas papeletas ás que votar con opcións de entrar nas Cortes e, mesmo, de participar nalgún goberno de coalición. Até sete papeletas, seguramente oito se En Marea racha finalmente. En Galicia, como en España, o bipartidismo parece xa cousa da prehistoria.
Escribe o teu comentario