(Vídeos) A manifestación pola Sanidade Pública logra abarrotar a Praza da Quintana
Éxito da protesta convocada por varios colectivos en defensa do SERGAS en Santiago de Compostela este domingo. Os manifestantes reclaman máis medios para o sistema público e reprochan ao presidente de la Xunta que opte por ir a Madrid a manifestarse xunto á ultradereita.
Decenas de miles de persoas, unhas 40.000 segundo proclamou a condutora do acto final, encheron por completo a Praza da Quintana este mediodía de domingo. Trátase da maior manifestación en defensa da sanidade pública que se lembra na capital de Galicia.
Cheo na Quintana | M. Vilas
Os manifestantes entoaron cánticos contra o presidente do Goberno Galego. "A actitude de Feijóo é a dun comercial de empresas internacionais e privadas para que poidan facer bo negocio con diñeiro público, para que o sector privado penetre no público hai que debilitar o sistema", argumentou antes da protesta o portavoz de SOS Sanidade Pública, quen puxo como exemplo a xestión de equipos de cardiología do CHUS por parte de empresas como a estadounidense Medtronic.
Alberto Nuñez Feijóo estaba na Praza Colón de Madrid, na manifestación en contra de negociar co independentismo que secundaron PP, Cidadáns e forzas de ultra dereita como Vox ou a Falanxe. Os cidadáns aplaudiron cando Risco dixo que había máis persoas na Quintana que en Colón.
Entre outras medidas, a manifestación convocada baixo o lema "Os recortes matan" reclamou ao SERGAS un plan urxente para superar a actual crise da atención primaria. Así o lembrou o portavoz de SOS Sanidade Pública, o colectivo convocante, durante a súa intervención ao finalizar a marcha.
Pancartas de colectivos nas escaleiras da Quintana | M. Vilas
RESPOSTA DE LA XUNTA
O SERGAS reaccionou ao éxito da manifestación poñendo en dúbida tanto os motivos para a protesta -asegura que o sistema galego é "bo"- como a verdadeira motivación dos manifestantes, que vincula con "ideas" falsas alimentadas pola oposición.
APOIO DA OPOSICIÓN
A esta mobilización acudiron a práctica totalidade de colectivos críticos coa xestión sanitaria (médicos precarios, persoal dos PACs, urxencias, etc.), sindicatos e forzas da oposición.
A nivel de partidos, o BNG e Podemos foron os que fixeron máis visible a súa presenza mediante bandeiras e outros distintivos. O partido morado aproveitou a xornada reivindicativa para lembrar que o orzamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas) reduciuse un 15% desde que o presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está á fronte do Executivo autonómico.
A mobilización, que partiu sobre as 12 horas da Alameda, acabou pouco antes das 14 horas na Quintana co cántico do himno galego:
Escribe o teu comentario