O construtor galego Jacinto Rey (San José) salpicado por un presunto pelotazo na Operación Chamartín

O Ministerio de Fomento e o Concello de Madrid melloraron extraordinaria e irregularmente as condicións para que Construtora San José e BBVA executasen a "Operación Chamartín".


|

O Ministerio de Fomento e o Concello de Madrid melloraron extraordinaria e irregularmente as condicións para que Construtora San José e BBVA executasen a "Operación Chamartín". Así se desprende das informacións sobre o suposto 'pelotazo' adiantadas por Fátima Caballero en eldiario.es



Jacintoreyyanapastor39409

Jacinto Rey, dono de Grupo San José,  e Ana Pastor, ministra de Fomento que aprobou o cambio na Operacion Chamartín


De feito, un informe interno de Distrito Castelana Norte (DCN), a sociedade que comparten o banco (75%) e a construtora pontevedresa (25%),  presume de "incuestionables vantaxes para a sociedade" arrincadas ás administracións en 2015.  Entre esas "extraordinarias melloras" están, por exemplo, a "eliminación de limitacións á transmisibilidade de chans" e outras que permiten a "recuperación dun proxecto antes inviable, cunha rendibilidade da orde do 17%".


"25 ANOS DE CONTRATOS SECRETOS"

Un dos maiores proxectos urbanísticos de Europa, a Operación Chamartín, no centro da capital de España, levaba décadas atorada, desde 1996. Tras  "25 anos de contratos secretos" permitiuse a venda de "1,2 millóns de metros de chan público á metade do prezo de mercado".


Todo culminou en 2015 cando Ana Botella (Concello de Madrid) e Ana Pastor (Ministerio de Fomento) asinaron un acordo cos promotores privados para mellorarlles as condicións. Fixérono, segundo a citada cabeceira,  en contra de, polo menos, un ifnorme de Renfe de 2001 que pedía cancelar a operación, pois é a compañía pública tíñase que tragar "todos os riscos e os prexuízos económicos". 


A sospeita do presunto pelotazo urbanístico  gaña credibilidade hoxe ao fío da publicación da acta do Consello de DCN. Informe que a promotora tentou censurar, ao enviar un burofax ao xornal pedindo o seu destrución e ameazando con denunciarlles.


O XIRO DE JACINTO REY

Jacinto Rey, a pesar de ser unha das principais fortunas de Galicia, pasou décadas afastado dos obxectivos das cámaras. Todo cambiou coa chegada do bipartito ao poder, ao comprar o construtor a histórica cabeceira A Nosa Terra , referente do nacionalismo e  lanzar un diario en papel, Xornal de Galicia, cunha liña editorial próxima ao PSdeG e ao quintanismo. Foi precisamente a foto do líder do Bloque Anxo Quintana no iate do construtor -publicada en precampaña- quen puxo o nome de Rey na boca de todo o mundo. 



Quintanajacintorey

A famosa foto de Quintana no iate de Rey


Tras a derrota do bipartito, o triunfo de Feijóo e a chegada da crise, o construtor volveu mover fichas; pechando a centenaria e crebada A  Nosa Terra  e Xornal de Galicia, dous medios molestos para o PP. A pesar dos seus problemas financeiros, San José logrou capear a crise grazas aos seus investimentos no exterior e coa esperanza de poder por fin concretar a Operación Chamartín. En Galicia segue executando importantes obras públicas, por exemplo a actual remodelación da sede da Xunta de Galicia.


O PSOE ACEPTA QUE FOMENTO COMPAREZA

O asunto xa empeza a ter consecuencias políticas. Esquerda Unida reclamou que o ministro de Fomento compareza no Congreso para explicar a "Operación Chamartín".  Todos os partidos salvo o PPdeCAT (abstención) , aprobaron a comparecencia de José Luís Ábalos.


A deputada Sol Sánchez (Unidos Podemos, EU) cualifica o caso de "grave" e reclama "explicacións oficiais" sobre por que se vendeu chan público cuxo "prezo por metro cadrado supón unicamente un terzo do seu valor". 


IGLESIAS PIDE EXPLICACIÓNS A CARMENA

A operación tamén tensou as relacións entre Podemos e a alcaldesa de Madrid. "Dáme pena que do proxecto de Agora Madrid de fai catro anos quede tan pouco, e nunca entendín o papel que xogou o equipo de goberno Carmena na Operación Chamartín", declarou recentemente Pablo Iglesias sobre Manuela Carmena. E é que o proxecto seguiu avanzando nos últimos anos, como proba esta nota de prensa de Fomento.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE