Aínda son Charlie

Rodrigo Brión Insua

Ía empezar estas liñas contando un chiste, pero non me atrevín. Porque hoxe cúmprense catro anos dun dos momentos que máis me marcaron como persoa, polo menos no plano profesional. Unha fría mañá de inverno irromperon nunha redacción de Paris dous enmascarados blandiendo senllos fusís. Os asaltantes segaron a vida de 12 lerchos e un Policía Nacional francés, este último cando fuxían da escena do crime. 


Uns marabillosos lerchos. E digo lerchos en todos os sentidos da palabra, porque fai falta unha falta total de vergoña e do ridículo, así como unha valentía e unha intelixencia superlativas, para dedicarse ao humor, a profesión máis difícil e necesaria do mundo. Porque non hai nada máis complicado que facer rir e divertir aos demais, facendo esquecer os problemas da xente aínda que sexa por un breve instante. E a iso dedicábanse, e afortunadamente nin Alá, nin Yahveh, nin Buda, nin ninguén logrou evitar que así siga sendo, no semanario Charlie Hebdo.


Persoalmente o que máis me impactou non foi o atentado. Tristemente, a barbarie yihadista acaba todos os días coa vida dun incontable número de persoas anónimas, en atentados moito máis sanguentos que o do Charlie. O que me impactou e conmoveu foi ver como o mundo enteiro envorcábase en defensa do Charlie Hebdo, un semanario satírico cuxo sentido do humor non comparte todo o mundo. Ao redor de todo o globo, miles de persoas saíron á rúa, lapis en man, para facer fronte á tolemia que representaba (e representa) o extremismo relixioso. Ao berro unánime de ‘Je suis Charlie’, o planeta proclamaba que a defensa da liberdade de expresión era unha causa pola que a maioría da poboación estaba disposta a plantar cara ao terror. Eu uninme inmediatamente a esa causa e erixinme como paladín do movemento, sendo o primeiro en pregoar que o meu nome era Charlie.


Catro anos despois, sigo sendo Charlie. E Mongolia. E O Xoves. E A Codorníz. Pero, cando miro ao meu ao redor, non vexo as caras de moitos demis compañeiros de viaxe, aqueles que iniciaron comigo a andaina en defensa da liberdade de expresión. Resulta que o criterio dalgúns discernió que non todo está amparado debaixo do paraugas da liberdade de expresión. Polo visto hai bromas que non se poden contar. Que o humor debe ter límites. Eu non. Eu aínda son Charlie, e mantéñome firme na crenza de que no humor non deben existir trabas. Nin na arte. Son os únicos campos onde todo é admisible e onde o único inadmisible é a censura e a covardía. Nun sentido e noutro. A esquerda e a dereita teñen o mesmo dereito de alegrar, defender, criticar e ofender, sempre que se faga desde a comedia. No pasado os bufóns eran os únicos que podían burlarse do rei. E agora, nin amparados pola Constitución e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que recollen liberdade de expresión como un dereito fundamental, non podemos nin contar chistechitos sobre a familia real ou chancear coa bandeira. En pleno S.XXI en ocasións retrocedemos máis aló do medievo. Pregúntenlle senón a Dani Mateo.


Despois desta soflama en defensa da liberdade de expresión, dereito fundamental dun estado democrático, pregúntome se eu mesmo estou a facer o correcto ou non ao autocensurarme pero...Que carallo! Cal é a profesión máis divertida do mundo? A de terrorista suicida, porque é a bomba. Os ofendidos xa saben onde atoparme. Cando cheguen á porta, chamen ao telefonillo. Pregunten por Charlie.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE