Gómez-Reino considera que as primarias de En Marea están "viciadas"
A pesar das dificultades que presenta o proceso de votacion, o lider de Podemos Galicia chama aos inscritos a participar nas primarias.
A pesar das dificultades que presenta o proceso de votacion, o lider de Podemos Galicia chama aos inscritos a participar nas primarias.
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, considera que o proceso de primarias para renovar a dirección de En Marea, que se reiniciou este sábado, está "viciado" desde a expulsión de tres membros do Comité Electoral despois de ser acusados de supostas "irregularidades" no censo, o que motivou a paralización do proceso o pasado 1 de decembro.
Con todo, Gómez-Reino chama á participación "a pesar de todas as dificultades", que "son máis que evidentes" e das que culpa á actual dirección do partido instrumental, encabezada polo portavoz, Luís Villares, "sen ter lexitimidade para facelo".
En declaracións aos medios durante unhas xornadas que organizou na mañá deste sábado en Santiago o partido morado, o seu líder en Galicia dixo que é "especialmente preocupante a situación na que a dirección política de Villares meteu" a En Marea.
E é que, segundo as súas palabras, "todos os militantes de Podemos" lamentan "ese intento de adulterar o proceso electoral", o que, a xuízo de Gómez-Reino, "probablemente" ocorrerá "esta fin de semana".
Con todo, Podemos Galicia anima a participar, porque "o espazo do cambio no país vai moito máis alá" destas primarias. "Esperamos que os resultados sexan claros e que non se dea outra vez unha alteración do resultado como xa se deu no inicio do proceso, coa alteración do resultado do plenario", esgrimiu.
"UN ESPAZO FORTE"
Preguntado sobre que ocorrerá tras a publicación de resultados o luns, Gómez-Reino pediu que os galegos "sigan confiando no espazo do cambio". "É fundamental para nós ter un espazo forte. Niso imos traballar, pase o que pase esta fin de semana coas eleccións do partido instrumental", puntualizou.
Ademais, asegurou que el puido votar, aínda que considera que o proceso, que conta cun sistema de votación telemático que necesita introducir varias claves enviadas por SMS, é "excesivamente confuso" e "asusta á cidadanía": "Creo que non facilita a participación".
Así as cousas, ve "fundamental" que as primarias conten con "garantías", unha circunstancia que, segundo o seu punto de vista, xa "se daban" nas votacións que foron paralizadas o 1 de decembro.
Escribe o teu comentario