Ao galego non lle dan espazo nos xoguetes

Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, atende a Galiciapress para explicar as dificultades ás que se enfrontan os consumidores para atopar xoguetes en lingua galega, uns produtos que, segundo o último informe realizado pola Mesa, representan só o 0,69% do mercado fabricante de xoguetes.


|

Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, atende a Galiciapress para explicar as dificultades ás que se enfrontan os consumidores para atopar xoguetes en lingua galega, uns produtos que, segundo o último informe realizado pola Mesa, representan só o 0,69% do mercado fabricante de xoguetes.


Xoguetes

Andeis dunha juguetería


Un informe realizado por ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’ reflicte a preocupante situación da lingua galega no mundo dos xoguetes, un sector tan importante para a lingua pola súa influencia na infancia e polo dereito dos nenos e nenas galegos de poder xogar na súa lingua materna. A plataforma debulla o mercado fabricante de xoguetes en busca de produtos que inclúan o galego na súa oferta, xa sexan xogos de competición, como os xogos de mesa, ou xogos educativos ou de recreo. Despois de analizar case 25.000 xoguetes, A Mesa destaca que só un 0,69% dos produtos analizados conteñen o galego como valor engadido, unha porcentaxe ínfima en comparación con linguas como o catalán ou o eúscaro. É dicir, só 148 produtos teñen o galego no seu contido, e só o 0,38% están só en galego.


Se analizamos ao detalle o informe, podemos ver que o 68,5% deses produtos son xoguetes de recreo (bonecos e bonecas), produtos analóxicos e tradicionais. O 17,5% son xogos de mesa e o 14% restante son os xogos educativos, unha cifra preocupantemente baixa. Con respecto a outras linguas, o galego compite en desvantaxe co eúscaro ou o catalán, que se ofertan un maior número de xoguetes para os nenos e nenas que teñen estas linguas como lingua materna.


Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, explica que o número de xoguetes que ofertan o galego é “preocupantemente baixo”, aínda que precisa que non contan con referencias de anos pasados cos que poidan valorar se houbo un ascenso ou un descenso no número destes produtos. “O que se constatamos é que hai unha ausencia preocupante do galego nos xoguetes dixitais e de contido audiovisual, que ao final son os produtos de futuro ou os que máis se aceptan actualmente”, afirma Quintas. De igual maneira, a vicepresidenta da Mesa comenta que non pode asegurar que non exista un incentivo por parte dás administracións para que aumente a produción destes xoguetes, aínda que matiza que “se o hai téñeno ben oculto, algo que vai en contra da función das administracións, que deben animar a que se estenda a oferta”.


ONDE ESTÁN ESTES PRODUTOS?

Quintas lamenta as dificultades dos usuarios para atopar estes produtos, xa que son difíciles de atopar nas tendas físicas e son contadas as webs que ofertan eses xoguetes. “Ademais é moi difícil acceder ás paginas que venden estes produtos porque hai que coñecelas con anterioridade, é moi difícil que un usuario “tropece” con estes produtos, xa que non hai grandes plataformas que os comercialice e déalles unha boa visualización de fronte ao público”, sinala Quintas, que matiza que o problema “non é de demanda, senón de oferta, visualización e promoción destes produtos que xa existen e que a maioría dos potenciais consumidores ignoran”.


A principal preocupación do estudo no relativo á finalidade dos xoguetes é a porcentaxe tan baixa de xoguetes educativos en galego. Neste aspecto, Quintas recoñece que non teñen datos sobre o número de xoguetes en galego que chegan ás escolas, pero teme que o acceso a estes xoguetes e a baixa oferta “fan que apenas poidan chegar estes produtos aos colexios”.


Tamén destaca que o estudo non avaliou estes produtos segundo o seu prezo, pero se fai fincapé que a maioría dos produtos son analóxicos. “Un xoguete dixital vai ser moito máis caro que un analóxico, porque ao final estes produtos dixitais son os que realmente buscan os nenos de hoxe e son os que fomentan de forma máis evidente o uso do galego en comparación cun peluche, por exemplo”, explica a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. “A lingua na que se vende un xoguete non é esencial para a súa venda, pero se é necesario para estimular e que os nenos e nenas poidan socializar no seu idioma”, subliña Quintas.


O OCO QUE DEIXOU O XABARÍN CLUB

Do mesmo xeito, o informe recalca que un aspecto crave que dificulta a produción de xoguetes en galego son as licenzas de merchandising que supoñen unha barreira para que moitos produtos poidan chegar aos nenos e nenas en galego. Os produtos máis demandados adoitan ser os relacionados con series ou películas dirixidas ao público infantil, e a cada vez máis escasa oferta destes contidos en lingua galega, cando nos anos 90 e principios do 2000 o ‘Xabarín Club’ era unha referencia na grella audiovisual en Galicia, provoca que os máis pequenos queiran os xoguetes das súas series favoritas, as que emiten as cadeas de debuxos nacionais.


É moi negativa a ausencia de produtos audiovisuais en galego para a infancia e desde a administración non se está facendo nada para paliar esta ausencia na grella televisiva”, lamenta Quintas. “A difusión e produción de series e películas na nosa lingua é algo fundamental, xa que o galego ten que ter máis presenza en series de debuxos e que estas sexan novas, non as que veñen repoñendo desde fai 10 ou 20 anos, xa que moitas están desfasadas e xa non resultan atractivas para o público infantil”, recalca Quintans, antes de sentenciar que é vital contar con una oferta audiovisual maior e actualizada “para poder competir cos formatos máis exitosos que se ofertan outras canles en lingua castelá”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE