As cláusulas multidivisa das hipotecas son nulas, falla un xulgado galego
Ábrese a porta para que autónomos e empresarios poidan reclamar as hipotecas que permiten o pago nunha cláusula diferente ao euro.
Letrados de Avogados Almunia | Facebook
O xulgado de primeira instancia número 1 de Pontevedra declarou nulas unhas cláusulas multidivisa correspondentes a unha hipoteca concedida para a compra dun local comercial.
Os demandantes contrataron dúas hipotecas deste tipo, segundo explica o despacho de avogados que lles representou, que ve neste fallo, do pasado 5 de outubro, unha sentenza "pioneira".
A primeira das hipotecas, segundo explica Avogados Almunia, acordouse coa finalidade de levar a cabo unha serie de reformas na vivenda, polo cal actuaron como consumidores.
En cambio, resaltan os avogados que a segunda se subscribiu para financiar a compra dun local comercial, polo que "realmente non estaban a actuar como consumidores, a pesar de recaer sobre a vivenda dos mesmos", indica.
Por este motivo, o xulgado de Pontevedra, segundo sinala o despacho de avogados, considerou nulas as cláusulas do contrato, xa que "contravenían a boa fe contractual".
Avogados Almunia interpreta que este fallo abre unha vía para reclamar a "venda irregular" deste tipo de hipotecas. "Permite a empresarios e autónomos reclamar a venda irregular de hipotecas multidivisa, facilitando así a revogación das súas cláusulas, no caso de que a entidade bancaria non informase correctamente sobre a súa venda", subliña.
As hipotecas multidivisa son un tipo de préstamo que permite o pago en divisas diferentes ao euro. A forma na que se comercializaron é a seguinte: o prestatario (persoa física que recibe o préstamo) obtén o financiamento nunha determinada divisa, que pode cambiar posteriormente para comprar algún ben, normalmente un inmoble.
Escribe o teu comentario