O Celta segue negado coa vitoria

Maxi onte no partido ante o Xetafe / Fonte: RC Celta Punto insuficiente para un Celta de Vigo que non levanta cabeza.


|

Os raparigos de Antonio Mohamed non pasaron do empate ante o Getafe e suman catro xornadas seguidas sen gañar. Maxi Gómez adiantou ao cadro celeste e Jaime Mata fixo a igualada a falta de doce minutos para a conclusión.



42943161 10155605495966969 7028441678977433600 n

Maxi onte no partido ante o Xetafe / Fonte: RC Celta


Punto insuficiente para un Celta de Vigo que non levanta cabeza. A escuadra olívica acumula catro xornadas sen gañar e tres empates consecutivos. Desde a súa vitoria ante o Atlético de Madrid na terceira xornada os celtiñas non saben o que é sumar de tres en tres. Nesta ocasión foi o Getafe de Bordalás o que privou á afección celeste do triunfo, cun gol de Jaime Mata no minuto 78. Maxi Gómez adiantara aos locais na primeira parte.


‘O Turco’ Mohamed segue sen dar coa tecla e nesta ocasión deu entrada a Jensen e Brais Méndez no once, facendo as funcións de extremos e acompañando a Fran Beltran e Lobotka no centro do campo. O equilibrio na sala de máquinas permitiu ao Celta ter máis control do xogo, aínda que foi o Getafe o que gozou das mellores ocasións, desaproveitadas nos pés de Anxo e Arambarri. A pesar dos moitos intentos azulones, foi un inocente balón colgado desde máis aló do círculo central o que cambiaría o partido superada a media hora de xogo. Axudado pola mala saída de Soria e o descoido da zaga madrileña, Maxi cabeceou desde fóra da área e de costas ao arco un balón que acabou entrando mansamente na meta do porteiro getafense.


Antes do descanso Jorge Molina estrelou un balón no traveseiro, noutra clara ocasión para os de Bordalás. Xa no segundo tempo os visitantes seguiron o seu acoso á meta de Sergio, aínda que o balón era dos vigueses. Teméndose o peor, Mohamed deu entrada a Araujo polo sitio de Jensen, pasando a un esquema de cinco defensas. E con esa formulación reservón o Getafe atopou petróleo grazas a unha xogada pola esquerda que cazou Mata e de media volta superou a Sergio. O Celta tentouno nos minutos finais pero, salvo por unha boa man de Soria a tiro de Brais Méndez, os últimos compases do partido estiveron marcados máis pola gresca que polas ocasións de gol.


Co empate o Celta ve como se lle escapan dous puntos e outra oportunidade para reengancharse ao tren de Europa, quedándose en oitava posición cos dez que marca a súa marcadora, a dúas de Champions e a un de Europa League. Pola súa banda, o Getafe queda un posto por detrás dos galegos, con nove puntos. A próxima semana espera o Sevilla no Sánchez Pizjuán, rival directo polo soño europeo. Só fai falta un pouco de sorte.


FICHA TÉCNICA

RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia (Sisto, min.81), Cabral, Júnior Alonso, Beltrán (Okay, min.58), Lobotka, Jensen (Araujo, min.77), Brais Méndez, Iago Aspas, Maxi Gómez.


Getafe: David Soria, Djene, Antunes, Bruno, Portillo, Anxo (Rober Ibáñez, min.75), Amath (Bergara, min.88), Arambarri (Mata, min.66), Jorge Molina, Maksimovic, Damián Suárez.


Goles: Maxi Gómez (1-0, min.36), Mata (1-1, min.78).


Árbitro: Cuadra Fernández, do comité balear. Amoestou a Hugo Mallo e Iago Aspas (Celta); Bruno, Portillo (Xetafe).


Campo: Balaídos (14.330 espectadores).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE