Como interpretar o aumento das exportacións en Galicia?

Diego Sande Veiga

Doutor polo programa de Economía e Empresa da Universidade de Santiago, é funcionario da Consellería de Educación, impartindo clases sobre economía en aulas de Formación Profesional. Previamente traballou para a empresa privada, para a Xunta e varias universidades.

Nos últimos exercicios pódese ir observando como as administracións tratan de sacar músculo tomando os datos de exportación como referencia. Sen dúbida, nunha economía como a galega que padeceu unha fonda crise como a iniciada hai xa dez anos e que derivou no derrube da demanda interna, unha das formas de procurar os ingresos que non se producían nos mercados propios foi potenciar a saída cara o exterior. Froito da aposta por esta alternativa e do proceso de recuperación da economía global -que permite tamén a outros países aumentar o consumo-, as cifras de exportacións en Galicia non cesan de aumentar. Pero…é este crecemento equilibrado?


O certo é que, desde 2013 a 2017 as exportacións en Galicia aumentaron, en xeral, un 15,55%, unha cifra que cómpre subliñar como positiva. Este incremento, que depende tamén da situación das economías exteriores, baséase fundamentalmente nas adquisicións realizadas pola UE (+23,30%) e polos países da OCDE (+22,49%). Sen embargo, poderíanse estar a descoidar outros destinos habituais do mesmo, tal e como está a acontecer cos países da OPEP (-62,73%) e, sobre todo e polas ligazóns históricas, cos de MERCOSUR (-54,48%). A pesar de posibles inestabilidades nos territorios (coa interesada intervención de occidente en moitos deles), as diferenzas son o suficientemente importantes como para ser pasadas por alto, polo que é necesario, en termos de diversificación do risco, non descoidar estes territorios.


A comparativa da evolución das exportacións en relación ás importacións en Galicia permite relativizar máis aínda a evolución xeral dos valores das primeiras. Así, entre 2013 e 2017 o proceso de recuperación da economía -a nivel macroeconómico, non necesariamente repercutido á cidadanía- permitiu que as importacións aumentasen na Comunidade Autónoma nun 17,13%, case un 1,6% máis que as exportacións. Neste caso estas repartíronse dunha forma máis equilibrada, destacando en primeiro lugar a procedencia das adquisicións da UE (+40,76%), seguidas polas pertencentes aos países da OCDE (+16,71%) e de MERCOSUR (+10,18%). De novo nos países da OPEP prodúcese unha redución (-8,05%), neste caso de menor importancia.


En primeiro lugar e para interpretar as informacións que habitualmente nos ofrecen, non debemos esquecer unha cuestión fundamental: o aumento das exportacións estaría, en parte, baseado nun aumento da competitividade dos produtos galegos no exterior. Este aumento procedería, en gran medida e ademais da optimización dos procesos da produción e comercialización, da redución dos custos de produción. O problema é que, especialmente os últimos, fundamentáronse en dous piares: na redución da cantidade de man de obra empregada -a través de despedimentos, da non renovación de contratos que chegaban á súa fin ou na ausencia de novas contratacións- e na baixada nos salarios dos traballadores –instrumentadas tamén en aumentos da carga de traballo e prolongación das xornadas laborais-. Non esquezan interpretar as informacións tendo presente o sufrimento causado por estas alternativas.


Estas cifras tampouco se poden separar doutra cuestión: o aumento das exportacións á UE estaría influído polo cambio da política monetaria realizada hai seis anos desde o Banco Central Europeo, que permitiu o incremento da cantidade de diñeiro dispoñible nas súas economías coa consecuente repercusión á alza na demanda. A evolución positiva estaría, xa que logo, fortemente condicionada por un aumento, interior e exterior, na cantidade de fluxos de recursos dispoñibles para o consumo e pola mudanza das expectativas que isto produciu.


Ademais, para interpretar correctamente os valores obtidos tampouco se pode obviar a especialización produtiva galega, baseada nunha industria de intensidade tecnolóxica baixa ou medio-baixa e nos servizos de consumo estándar, o que se materializa no ámbito das nosas exportacións no gran peso de produtos derivados dos animais, da madeira ou do téxtil. No tocante á alta tecnoloxía, serían unicamente relevantes as cifras de exportación en termos absolutos de produtos químicos, maquinaria electrónica (radio, TV…) e farmacéuticos. Pola contra importamos, ademais tamén de gran cantidade de químicos e de maquinaria electrónica, maquinaria de oficina e equipos informáticos, instrumentos científicos ou produtos de aeronáutica.



Trabajadorestextil 1


Finalmente, nun contexto no que a administración norteamericana aperta e ameaza con desatar unha guerra arancelaria que influiría no comercio internacional mundial, debemos tratar de ser quen de construír mellores condicións de cara ao medio e longo prazo, tanto nos aspectos relativos ao destinos das exportacións como no referido ao tipo de produtos e servizos comercializados.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE