Parece que foi onte e xa estamos de novo nos actos de celebración da Diada (festa nacional de Catalunya). Puntualicemos, dunha parte da cidadanía. Ao resto arrebatáronlla, hai xa uns cantos anos.
A situación de convivencia "pacífica" entre a pluralidade de ideas, continua igual, é dicir, de crispación permanente. Pasouse xa das palabras ás mans. Que virá agora? Podémolo imaxinar, non hai que ser adiviño. Este ano, PP e Cidadáns, como hai algún tempo non asistirán aos actos oficiais de celebración, pero a novidade é a postura do PSC que nesta ocasión, por primeira vez, tampouco tomará parte nos mesmos porque só representa á metade dos cataláns... Os tres partidos constitucionalistas plantáronse. O que non se sabe é a que xoga o partido de Colau, en Común, que si estará presente, "porque é a Diada de sempre". Aos presidentes do Parlament e a Generalitat tráelles sen coidado a ausencia dos tres partidos. A democracia, a liberdade só as representan eles. O autoritarismo, a falta de liberdade, a democracia, a ausencia de diálogo, só o practican en Madrid: o Estado, e o Goberno.
Como en Catalunya non hai manipulación dos medios públicos a favor do independentismo, nin liberdade, senón opresión e vasalaxe, os independentistas poden apropiarse das rúas, as institucións, os pensamentos e ata da propiedade do "pobo" de Catalunya.
Na Diada do 2017, a escusa perfecta era a falta de diálogo co goberno de Madrid. Agora utilizar a mesma, non serve. Pedro Sánchez abriu as portas da Moncloa, mesmo ten previsto vir este outono a Barcelona. O presidente Sánchez está a dar xestos e accións de vontade de diálogo. Dialogar si, pero impoñer o tema do diálogo son cousas ben distintas. Por iso, nestas celebracións oficiais, agora toca falar de presos políticos.
Do que se trata nesta edición amarela é de dar outro "golpe" de efecto coa presenza masiva de xente para demostrarlle ao mismísimo presidente do Goberno que ten que torcer o brazo e ceder ao monólogo de Torra. Moitos autobuses cun programa de lecer pola mañá e pola tarde acudirán como un número máis que para que se lles utilice para o obxectivo duns cuantos.
É unha pena que Torra e Torrent non fagan un exercicio de democracia e sexan os representantes do pobo de Catalunya, non dunha parte. O que están a aplicar as dúas institucións é a ditadura levada á súa máxima de quen conta coa maioría parlamentaria suficiente, con permiso da CUP, para apoderase do país e de toda a cidadanía. Democracia, xustiza? "Fai o que eu digo, pero non o que eu fago" dicía alguén. É o que están a aplicar.
A pesar de todo, que pasen unha boa Diada, con tranquilidade, bos alimentos e moito sentido do humor, que é o que fai falta nestes tempos complicados.
Escribe o teu comentario