Erimsa presenta un ERE "ante a negativa da Xunta de outorgar novas concesións" de extracción de cuarzo
"De continuar nesta situación, a planta de Frades verase abocada ao seu peche definitivo", advertiu a dirección da compañía ao seu persoal
Centro de produción de Frades | Imaxe: Erimsa
Erimsa vén de presentar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal "en contra da súa vontade" por un "esgotamento" das reservas actuais das súas explotacións de cuarzo en Mesía, Frades, Oroso e Ordes.
A empresa, que forma parte da compañía Elkem AS de norueguesa integrada na multinacional chinesa Blue Star, fai un chamamento á Xunta de Galicia para desbloquear os expedientes en trámite e conceder novos dereitos mineiros. "De continuar nesta situación, a planta de Frades verase abocada ao seu peche definitivo", advertiu a dirección da compañía ao seu persoal. Segundo explican nun comunicado, o peche afectaría a máis de 60 profesionais que traballan no centro de forma directa ou mediante subcontratación.
"No seu afán por obter os novos permisos para prorrogar o seu labor na comarca, a compañía cumpriu estritamente cos esixentes requisitos impostos polas consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Economía e Industria", explican no comunicado onde "lamentan profundamente" adoptar a "grave medida" que supón o ERE, "pero a falta de materia prima fai inviable o desenvolvemento da súa actividade con normalidade".
A empresa lembra que Galicia lidera a nivel nacional a produción de cuarzo cun 68% e "alcanza o 98% das explotacións", por o que o peche do centro de produción de Frades "é extensible a todo o sector e ao conxunto da actividade económica de Galicia".
Escribe o teu comentario