Ana Miranda rexistra unha pregunta sobre a manipulación informativa na CRTVG por mor dunha demanda do Comité Intercentros
O comité intercentros da CRTVG documentou "perfectamente exemplos de manipulación" como a sentenza do caso 'Gürtel' ou a mobilización en contra da mina de Touro
Traballadoras e traballadores da CRTVG en protesta nun Venres Negro
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiu unha pregunta escrita á Comisión Europea para denunciar a "manipulación" e "falseamiento" de información na Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
A pregunta formulouna por mor dunha demanda presentada polo Comité Intercentros da CRTVG ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo durante o mes de agosto. Nela, o comité encargouse de documentar a "manipulación" informativa na compañía pública, feito destacado por Miranda como un "traballo exhaustivo".
Así, a demanda do Comité recolle a cobertura informativa de Rádioa Televisión autonómica de casos como a comparecencia de Rajoy nos xulgados, a sentenza do caso Gürtel, a mobilización contra a mina de Touro, así como as declaracións realizadas no propio Twitter corporativo sobre a inmigración, na que, segundo explica o BNG, ocultouse o contexto e o sentido no que foron realizadas.
Segundo indicou o Bloque nun comunicado, para a europarlamentaria é "imprescindible" que esta institución da Unión Europea (UE) "tome medidas e faga cumprir a súa propia normativa na defensa do dereito á información e á pluralidade".
Na pregunta presentada polo BNG, a eurodeputada censura que a Xunta "incumpre" a Directiva 2010/13/UE de 'Servizos de Comunicación Audiovisual', que considera "esencial" que os estados membros eviten feitos que poidan restrinxir o pluralismo e a liberdade de información.
Así as cousas, Miranda tamén manifestou o seu apoio ás protestas dos traballadores do ente público durante os 'venres negros', á vez que confirmou a súa asistencia á manifestación do próximo 8 de setembro en Santiago para "defender a independencia e pluralidade" da CRTVG.
A DEMANDA
Segundo explican desde o Comité Intercentros da CRTVG, a súa demanda foi rexistrada en agosto. A Comisión de Peticións será quen determine se admite a trámite o documento, e, de ser así, terán que defendela ante a propia comisión.
Nela, tiveron que documentar os casos denunciados recompilando todas as noticias emitidas polo medio tanto en televisión, como en radio e redes sociais.
Escribe o teu comentario