Escotet recoñece unha fuga de empregados e espera que non nacionalicen a matriz venezolana de ABANCA
“Perdemos máis de 600 persoas e non podemos cubrir as vacantes porque xa ninguén quere vir traballar nun banco intervido”, recoñece Juan Carlos Escotet ao fío da prórroga da intervención de Banesco Venezuela.
Escotet durante a súa rolda de prensa en Caracas
"RAZÓNS POLÍTICAS"
O magnate venezolano critica que o Goberno chavista siga controlando Banesco Venezuela durnate, polo menos, tres meses máis. "Non hai razóns financeiras para estendela. Iso lévame a pensar en razóns políticas, pero non as sei", declarou nun acto no auditorio do seu grupo.
Ata agora moi comedido, Escotet elevou o venres o ton contra o Goberno de Nicolás Maduro. Entre liñas deixou caer a posibilidade dunha nacionalización. “Non recibimos oferta por Banesco e aínda que teñamos a mellor oferta do mundo, Banesco non se vende. Espero que tampouco mo quiten”, declarou. O chavismo, xa antes da intervención, especulou coa posibilidade de comprar o banco.
O dono de ABANCA recoñeceu que en todos estes meses -Banesco Venezuela foi intervido a principios de maio- só logrou falar cun ministro, o de Agricultura. Calificou o encontro de "complexo" pero "respectuoso". Aínda así, espera que a intervención se levante pronto e presume de colaborar ao máximo con todos os requirimentos das autoridades.
CONSECUENCIAS PARA ABANCA
A intervención da orixe da fortuna de Escotet non se notou por agora no seu negocio galego, ABANCA. Unicamente en que Escotet dimitiu da presidencia para tratar de solucionar a crise no seu país; aínda que é evidente que segue controlando ABANCA, dado que ten máis do 90% do accionariado.
Escotet ten os seus negocios bancarios en España, Panamá, Estados Unidos e Venezuela divididos en estruturas societarias diferentes para evitar, precisamente, un contaxio dos posibles problemas dun país a outro.
Agora ben, unha eventual compra ou nacionalización de Banesco Venezuela tería un impacto indubidable no funcionamento de o grupo, que controla a entidade produto do rescate das caixas de aforros galegas.
Escribe o teu comentario