Banesco pagou 1.003 millóns polas "caixas" e xa gañou 2.434

Escotet e os seus socios venezolanos levan gañados aproximádamente 1.400 millóns de euros desde que gañaron a poxa polas caixas galegas, rescatadas con máis de 12.000 millóns de diñeiro público. O banqueiro seguirá en Caracas por agora, pendente da acusación de branqueo que pende sobre o intervido Banesco.


|

Escotet e os seus socios venezolanos levan gañados aproximádamente 1.400 millóns de euros desde que gañaron a poxa polas caixas galegas, rescatadas con máis de 12.000 millóns de diñeiro público. O banqueiro seguirá en Caracas por agora, pendente da acusación de branqueo que pende sobre o intervido Banesco.



Botas, Escotet e Alberto de Francisco, de Abanca

Directivos de Abanca este xoves na presentación de resultados, con Escotet no centro


Abanca presentou este xoves os seus resultados do primeiro semestre de 2018. Son bos datos: un resultado neto de 247 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,8% respecto ao mesmo período de 2017.


En total, desde que Banesco gañou a poxa por Novagalicia Banco, o grupo venezolano declarou que o seu negocio galego xerou 2.434 millóns de beneficio neto (sumando as cifras publicadas ata onte) e 1.831 millóns de beneficio antes de impostos (sumando as cifras publicadas ata o primeiro trimestre deste ano).


Abanca beneficios anuais

Evolución anual dos beneficios declarados por Abanca ata mediados de ano, os beneficios antes de impostos inclúen só as cifras do primeiro trimestre de 2018



Cando o FROB  adxudicoulles  NovagaliciaBanco; os venezolanos comprometéronse a desenvolsar ao tesouro público 1.003 millóns. Por tanto, o beneficio da operación en cinco anos rolda os 1.431 millóns de euros.


A ENTIDADE ACABABA DE RECIBIR 12.200 MILLÓNS PÚBLICOS

Ademais, hai que ter en conta que Banesco fíxose cunha entidade á que se lle acababa de inxectar unha enorme cantidade de diñeiro público. O Tribunal de Contas estima en 12.279 millóns os recursos públicos comprometidos no rescate de Novagalicia: 10.800 millóns do FROB e outros 1.400 millóns que puxo o conxunto do sistema (Fondo de Garantía de Depósitos).


Un gran negocio para Juan Carlos Escotet, que onte compareceu por vez primeira publicamente tras abandonar a presidencia do banco. O banqueiro suramericano dimitiu a finais de xuño ao ser intervido Banesco, orixe da súa fortuna, polo Goberno de Venezuela.


ESCOTET PENDENTE DA ACUSACIÓN DE BRANQUEO CONTRA BANESCO

Seguirá Escotet en Caracas deixando, polo menos nominalmente, o temón de Abanca ao seu compatriota Eduardo Eraña? O empresario dixo onte que seguirá en Venezuela ata que dure a intervención.


Unha intervención que foi por 90 días, polo que debería acabar este tres de agosto. Agora ben, o Goberno de Nicolás Maduro pode prorrogala. 


Escotet calificou o asunto de "complexo" e "complicado". Preguntado sobre cal será o veredicto do chavismo sobre as operacións de branqueo das que acusa a Administración venezolana limitouse a dicir que "non temos noticias sobre ese particular". Escotet logrou, polo menos, a liberación dos directivos detidos no seu día a punta de subfusil.


En todo caso, Escotet comprometeu seguir involucrado na xestión diaria de Abanca. "Teño especial interese en seguir contribuíndo ao desenvolvemento da entidade", afirmou. 


ABANCA VENDE EMPRESAS, PERO NON PECHA AS OFICINAS NO ESTRANXEIRO

O banco segue por outra banda coa súa venda dos activos que herdou das caixas galegas. Onte o banqueiro estimou que a operación para vender a súa parte  en Audasa podería estar lista en outubro, en función dunha complexa arbitraxe que enfronta aos concesionarios da AP9.


Que as entidades rescatadas vendesen os seus negocios non bancarios foi unha das condicións que a Unión Europea impuxo a España para salvar o seu sector bancario. Como tamén o foi que os bancos rescatados non operasen lonxe do seu ámbito natural, a pesar do que Abanca mantén oficinas en Brasil, Venezuela, Panamá, México, Reino Unido, Portugal, Suíza, Francia e Alemaña.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE