O renovado Pórtico da Gloria abre ao público este venres durante dous meses

Axentes de seguridade regularán o acceso, que se realizará en grupos de ata 25 persoas e cun tempo máximo de 15 minutos



|

Convenio entre Turismo de Galicia e Fundación Catedral de Santiago


O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago abrirá este venres, 27 de xullo, o seu réxime de visitas, que será "ininterrompido" ata o 20 de setembro --todos os días da semana, de 8,00 a 22,00 horas--, salvo pola celebración das misas ou condicións climáticas de humidade que "poderían afectar á policromía".

Así o explicou este luns o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, quen asinou un convenio coa directora de Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, para regular o acceso ao Pórtico. Os traballos de restauración da obra do Mestre Mateo finalizaron a finais de xuño coa devolución da súa policromía orixinal.

Así, as visitas realizaranse en grupos dun máximo de 25 persoas, e terán unha duración de entre 10 e 15 minutos. Non osbtante, Daniel Lorenzo admitiu que a súa gratuidade podería alongar a espera nas colas, a que, agarda, sexa "o menos gravosa posible".

Pola súa banda, Nava Castro explicou que o Pórtico dispoñerá dun equipo "permanente" de seguridade para ordenar os fluxos de visitantes aos pés da escalinata, na zona superior da mesma e á saída. Ademais, na porta farase entrega dunhas "calzas" para "procurar que o espazo estea libre de po do exterior" e asegurar a conservación do Pórtico.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia indicou que os interesados dispoñerán de paneis de información e de folletos --en galego, castelán e inglés-- que se lles entregarán antes do acceso.

ATA O 20 DE SETEMBRO
Este protocolo de visitas rexerá ata o próximo 20 de setembro, cando levará a cabo o "encapsulado" do Pórtico, que permitirá realizar un "control ambiental" da contorna, segundo destacou Daniel Lorenzo, para establecer as condicións de humidade e temperatura óptimas de conservación.

Esta medida realizarase no momento en que se inicien a obras de restauración do interior da Catedral. Ata entón, o acceso interromperase tan só cando o clima no exterior faga "difícil" a súa conservación ou cando haxa celebracións litúrxicas --dúas veces ao día de luns a venres, e catro veces os sábados e os domingos--.

Pola súa banda, o decano da Catedral, Segundo Pérez, subliñou que a xente "ten dereito a poder visitar estas obras moi desexadas", dado que se tratou dun labor de conservación de iniciativa privada que contou con fondos públicos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE