Nace o Premio de Novela Camiño de Santiago
A Academia Xacobea convocou este martes na capital galega a I edición do premio de Novela Camiño de Santiago, co obxectivo de promover e difundir a ruta xacobea a través da literatura e para "reforzar a súa estrutura cultural", segundo destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Deste xeito, a través da "creación de novas perspectivas" da ruta, foméntase a "proxección internacional" de "unha das ideas de peregrinaxes, culturais, sociais e económicas máis potentes" que hai en Galicia, España e Europa, segundo subliñou Valentín García en rolda de prensa, xunto ao presidente e ao secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo; ao director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e ao delegado de Naturgy en Galicia, Manuel Fernández Pellicer.
Na librería Couceiro, o secretario xeral de Política Lingüística subliñou que é unha "oportunidade" para o idioma autóctono, xa que a novela gañadora será publicada tanto en galego (pola editorial Galaxia) como en castelán (polo selo Mar Maior). Ademais, Xesús Palmou anunciou que o autor galardoado obsequiaráselle cun premio de 6.000 euros.
Así mesmo, o Camiño de Santiago debe de ser o "protagonista" da temática da obra presentada, xa sexa de maneira "física, histórica, cultural, social ou imaxinaria", segundo explicou Ulises Castro.
BASES DO CONCURSO
Sobre os criterios do premio, o relato de ficción narrativa debe de ser orixinal e inédito, ter un mínimo de 200 páxinas e estar escrito en galego ou español. Poderanse presentar tanto novelas, como relatos ou conxuntos de relatos, ata o 30 de outubro.
O xurado, que aínda ten que ser elixido, conformarano cinco personalidades do mundo literario, que serán designados pola academia, tal e como explicou Ulises Castro.
A decisión do xurado farase pública no mes de decembro (cuxa data concreta aínda está por determinar) no Hostal dos Reis Católicos. Para coñecer máis información sobre o concurso, pódese acceder á web da Academia Xacobea.
Escribe o teu comentario