Hispasat promete 30 megas por segundo a todos os galegos do rural
O rural galego arrastra décadas de carencias históricas en acceso a Internet. Aínda hoxe ata o 37% da poboación do país non pode navegar a 30 Mbps. Para 777.226 persoas é peor, nin sequera alcanzan os 10 Mbps. Son datos oficiais, do último Informe de Cobertura de Banda Ancha da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información.
O rural galego arrastra décadas de carencias históricas en acceso a Internet. Aínda hoxe ata o 37% da poboación do país non pode navegar a 30 Mbps. Para 777.226 persoas é peor, nin sequera alcanzan os 10 Mbps. Son datos oficiais, do último Informe de Cobertura de Banda Ancha da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información.
Ignacio Sanchis, director de Negocio de Hispasat, o operador español de satélites de telecomunicacións, Aquilino Antuña, director de Desenvolvemento de Negocio e socio de Eurona, operador e provedor líder de servizos da internet, voz e datos, e Miguel Ángel García Argüelles, director xerente da federación nacional de instaladores de telecomunicacións FENITEL, anunciaron hoxe que estes operadores ofrecerán Internet de banda ancha por satélite "a máis dun millón de persoas en Galicia que, a día de hoxe, aínda non gozan dunha conexión rápida e eficiente".
SOLUCIÓN DISPOÑIBLE GRAZAS A DOUS NOVOS SATÉLITES
Así o adiantaron esta mañá as tres entidades nun almorzo informativo no que presentaron Conéctate por Satélite, un proxecto de inclusión dixital que ten como obxectivo garantir o acceso a Internet a todos os cidadáns e mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento económico das zonas que carecen de conectividade ou a teñen de baixa calidade.
Segundo os promotores, a banda Ka satelital preséntase como a mellor alternativa para dar servizo de acceso a Internet a zonas remotas ou pouco poboadas onde non hai outras opcións tecnolóxicas, xa que, ao ser máis potente e concentrada que outras bandas de frecuencia, permite unha maior velocidade e un custo máis axustado, resultando moito máis eficiente e facilitando un mellor servizo ao usuario.
Hispasat ten capacidade dispoñible en banda Ka sobre España en dúas dos seus satélites, o Hispasat 36W-1, lanzado o ano pasado, e o Hispasat 30W-6, que se puxo en órbita fai catro meses.
Escribe o teu comentario