"Sen escravitude laboral nin sexual", concentración en solidariedade coas temporeiras de Huelva
O movemento feminista convocou unha concentración en Vigo en solidariedade coas temporeiras dos campos de Huelva o xoves 5 de xullo
Manifestación en Huelva contra a situación nos campos de froitas
O movemento feminista convocou unha concentración en Vigo en solidariedade coas temporeiras dos campos de Huelva. A cita será o xoves 5 de xullo ás 20.30h diante do Marco.
Baixo o lema "Nin escravitude laboral nin sexual", o Feminismo Unitario de Vigo chama á cidadanía á rúa contra a situación que viven multitude de mulleres nos campos de froita do sur de España. "Nos campos de Huelva traballan mulleres marroquís que denuncian que os seus encargados as chantajean con deixalas sen traballo se non manteñen relacións sexuais con elas", explican desde a Plataforma Feminista Galega (PFG).
Desde o colectivo explican que estas traballadoras proceden do rural marroquí e viven en condicións de vulnerabilidade: son pobres, con fillas ou fillos e moitas divorciadas ou viúvas. Cualifican de "réxime de escravitude" as condicións nas que traballan, vivindo en campos illados "para que non teñan contacto con ninguén", en malas condicións de limpeza e en barracóns de chapa "sen auga potable". "Nas leiras tócanas, péganlles, insúltanas, queren facer delas as súas escravas sexuais", sentencian.
O pasado 17 de xuño, a PFG publicou un comunicado en apoio a "as nosas irmás marroquís agredidas nos campos de Hueva", onde aplaudían a súa chamada. "Elas alzáronse contra este modelo de capitalismo racial e contra o patriarcado colonial vixente", di, e fai un chamamento á sociedade para apoialas e denunciar publicamente a situación "de acoso e inxustiza laboral" que viven desde hai anos.
"Moitas valentes denunciaron e 400 foron expulsadas a Marrocos", afirman na convocatoria. O movemento feminista reunirase o xoves en Vigo para reclamar unhas condicións dignas de traballo para todas e unha revisión da Lei de Estranxeiría.
Escribe o teu comentario