500 padeeiros competirán nas vodas de ouro do Descenso do Miño
A 50ª edición do Descenso do Miño celébrase este sábado 23 de xuño ás 17.30h en Vos Peares, con medio milleiro de participantes e 38 equipos
O Descenso do Miño está de aniversario. Nada menos que 50 edicións leva ás costas a competición que empezou a principio dos anos 60 da man dun grupo de deportistas que se botaban río abaixo con só dúas piraguas canadenses. Lonxe daquela primeira chamada de atención sobre os deportes náuticos, o quincuaxésimo descenso preséntase con 497 participantes confirmadas e 38 equipos.
As vodas de ouro do Descenso do Miño darán comezo ás 17.30h en Vos Peares. Unha proba, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que 50 anos despois "demostra inequivocamente que é de gran arraigamento popular, con moita máis participación, tradición e vistosidade". Na presentación tamén interviñeron algúns dos pioneiros do deporte, que lembraron aquela primeira carreira desde Vos Peares.
O presidente da Federación Galega de Piragüísmo, Alfredo Bea, destacou os cambios que sufriu o deporte desde entón -actualmente hai 4.250 licenzas federativas en Galicia-, pero tamén lembrou que "o tesón para navegar os nosos ríos" mantense intacto. Pola súa banda, o director de Viaqua, Xullo Masid, puxo en valor o coidado polo medio ambiente deste tipo de probas.
Escribe o teu comentario