"Abafadora resposta" da poboación contra a planta de residuos de Teo
"Esta andaina pretende ser unha metáfora dos primeiros pasos que nos conducirán á vitoria sobre aqueles que queren chegar de merda o lugar onde nacemos e vivimos, onde traballamos, onde as nosas avoas e avós sentan a tomar fresco, ou onde a nosa fillas e fillos xogan ao saír da escola", reza o manifesto.
Este domingo miles de persoas chegaron ao monte Casalonga de Teo como parte dunha andaina reivindicativa contra a instalación da planta de residuos proxectada pola empresa Toysal. Entre 2000 e 5000 persoas, segundo as estimacións da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, uníronse á marcha contra o proxecto.
Persoas chegadas dos concellos de Teo e limítrofes partiron de sete puntos diferentes nun radio de 2 quilómetros do lugar onde se prevé instalar a planta, para simbolizar así "a unión da veciñanza contra a chegada das instalacións da empresa Toysal", segundo explicou a organización da camiñada nun comunicado.
Desde Casalonga Limpa móstranse entusiastas coa "abafadora resposta" da poboación este domingo. "Nin os máis optimistas podían prognosticar semellante éxito", confesan no comunicado. Explican que a mobilización foi total no concello, onde o cura da parroquia de Calo cambiou a hora da misa para que "ningún veciño quedase sen ir á andaina".
"Zona residencial, non residual", "Hipotecados se, pero para vivir nun sitio verde, non nun cerco de merda" ou "Fora Toysal, nós chegamos primeiro", foron algunhas de consígnalas repetidas en todos os percorridos. A Carballeira de Cornide acolleu ás persoas participantes, cunha caseta da plataforma e un palco onde se proxectou o vídeo da mina de Touro "mentres riadas de persoas ían chegando dos diferentes puntos", explica a asociación veciñal.
Unha vez reunidas, procedeuse á lectura dun manifesto de rexeitamento á planta de residuos, para acabar subindo ao monte Casalonga onde se planea a instalación do proxecto. "Esta andaina pretende ser unha metáfora dos primeiros pasos que nos conducirán á vitoria sobre aqueles que queren chegar de merda o lugar onde nacemos e vivimos, onde traballamos, onde as nosas avoas e avós sentan a tomar fresco, ou onde a nosa fillas e fillos xogan ao saír da escola", reza o manifesto.
Escribe o teu comentario