​Ana Miranda: “Temos que parar xa a reforma electoral porque supón a fin da diversidade no Parlamento Europeo”

Nas procelosas augas da política en Bruxelas, Ana Miranda é unha das voces galegas que mellor navega. Nesta entrevista con Galiciapress, a eurodeputada do Bloque aborda o seu futuro de cara as eleccións do próximo ano, que poden estar marcadas por unha reforma que llo poría moi difícil a todos os nacionalistas. A reforma dos fondos europeos, o Pazo de Meirás e o papel dos novos ministros de Pedro Sánchez son outros temas desta conversa.


|

Nas procelosas augas da política en Bruxelas, Ana Miranda é unha das voces galegas que mellor navega. Nesta entrevista con Galiciapress, a eurodeputada do Bloque aborda o seu futuro de cara as eleccións do próximo ano, que poden estar marcadas por unha reforma que llo poría moi difícil a todos os nacionalistas. A reforma dos fondos europeos, o Pazo de Meirás e o papel dos novos ministros de Pedro Sánchez son outros temas desta conversa.


Ana miranda parlamento europeo


A Comisión Europea aprobou aumentar o límite mínimo para ter representación no Parlamento Europeo até o 5%, cando agora está no 2%. Esta reforma aínda debe pasar o filtro do propio Parlamento, pero de pasalo poríallo moi difícil ao BNG para lograr representación …

Estamos en contra desta reforma e imos facer o posible para que non saia adiante. O grupo Os Verdes - ALE apoia que non saia, estamos a falar cos outros grupos para que non saia. Como se necesita maioría absoluta do Parlamento para sacalo adiante, pensamos que non vai pasar. Temos unha reunión en Estrasburgo esta semana sobre este asunto.


E se a aproban, cando entraría en vigor?

O limiar que poñen é do 2 ao 5%, aplicable, como máximo, até o 2024. Si podería entrar en vigor nas próximas eleccións, pero tería que ser aprobado por maioría absoluta, para a que non chega o apoio dos dous grandes partidos (conservadores e socialdemócratas). Teñen que ter outros apoios, e se os apoios están do outro lado … Tamén se comenta que o Estado Español non quere que esa proposta saia, condicionado tamén polo PNV e o asunto dos orzamentos. Imos montar un fronte nacionalista na Eurocámara, liderado por ALE, para paralo.


Fala das condicións que puxo o seu día o PNV. ALE tivo algún contacto co novo Ministro de Exteriores para pulsar cal é a posición do novo goberno?

Aínda non, porque o Ministro de Exteriores aínda non se dirixiu aos eurodeputados, pero supoño que o fará nestes días. Partidos como Bloque, Esquerra, Compromís, Bildu, etc. temos moi claro que esta reforma nos expulsaría da Eurocámara, polo que non queremos que pase. Os únicos Estados aos que lle afectaría son os que temos máis de 34 escanos e circunscrición estatal, que son Alemaña e o Estado Español. Algúns deputados alemáns xa nos confirmaron que non queren a proposta.


E cal é o argumento dos que a defenden?

O argumento é a desaparición dos nacionalismos, a desaparición da diversidade. Non imos permitir iso. En todo caso, o límite que fixan os Estados é 2024, pero hai que parala xa. Senón pode entrar en vigor antes.


De entrar en vigor, obrigaría ao BNG a repensar por completo a súa estratexia para as eleccións europeas do ano próximo …

Obrigaría, pero é que ninguén dos nacionalistas sacaría. Nin Esquerra en solitario. Tería que ser unha macroalianza de coalición de coalicións. Pois imaxínate, coalicións do tipo Os Pobos Deciden ( Bildu, Bloque, Andecha Astur, Alternativa Nacionalista Canaria e outros), Primavera Europea (Compromís, Equo, Chunta e outros) e Coalición por Europa (PNV, Convergencia, Unió, Coalción Canaria e outros). Nós aínda non estamos nese escenario porque cremos que se vai parar. Estamos moi alerta na ALE.


Vostede cualificou que a reforma proposta dos Fondos Europeos sería un “mazazo para Galicia”. Por que?

Un dos criterios de reparto actuais podería ter sido o demográfico, tendo en conta cunha crise demográfica brutal. Este tema, do que Feijóo falou no Comité das Rexións, facendo como que facía, resulta que cando a Comisión Europea saca a proposta non aparece este criterio por ningún lado. De feito, nin se menciona. Menciónase cambio climático, incidencia en grupos sociais, etc. Para nós é fundamental o criterio demográfico e tamén a dispersión.


E a nivel de cartos, cando diñeiro se xoga Galicia neste debate?

O Estado aumentaría catro mil millóns de euros, chegando aos 34.000 millóns de euros dende os 30.000 actuais; pero iso non implica que Galicia vaia aumentar. A proposta de Bruxelas establece unha maior centralización do reparto. O diñeiro irá a cada Estado e logo o Estado pode repartir. E en que vai repartir? Pois depende, de se hai presión galega ou non. A actual ministra de Economía, Nadia Calviño, era a directora xeral de Orzamentos da Comisión. Un dato importante é cando Jean-Claude Juncker, presidente de la Comisión Europea, ven a presentar a proposta ao Parlamento Europeo, quen estaba ao seu lado era Nadia Calviño. Ela é a autora do paquete da reforma do marco financeiro. Dende Bruxelas lanzou esta idea de centralización -que nós cremos que vai facer perder moitos fondos e polo tanto é un mazazo, en vez dunha aterraxe suave, é un “batacazo”- e agora ten a posibilidade de emendalo, para que Galiza poida executar os fondos, como sempre pediu o BNG; como fai Escocia, non pedimos nada raro. Tamén pedimos un aumento do orzamento, que é unha miseria en comparación co que se reparten os estados membros.


Hai outro problema engadido, ten un criterio, que é a condicionalidade, que o liga ao semestre europeo. O semestre europeo é un novo mecanismo na que se establece que queda condicionado ao control do déficit. E quen controla o déficit? O Estado central. Que vai facer? Apertar máis as autonomías, pero, a ver que fai esta xente, porque agora a situación cambiou moito.


Dende Galicia necesitaríase unha postura unánime para dar a batalla na defensa dos fondos europeos?

Sería interesante, unha postura forte para levar a Bruxelas e a Madrid. Máis que nada a Madrid. Agora a Comisión vai tratar a proposta de fondos ao Parlamento, que somos colexisladores. Temos un bo exemplo co Corredor Atlántico. Que fixo o Estado? Esquecerse de incluílo.


Pero ao final rectificouse …

Claro, pero foi pola presión. Pola presión do Parlamento Galego, pola presión nosa, pola presión de quen fóra … Sucede que a Xunta chega tarde aos sitios. Feijóo estaba indo a Bruxelas esta tempada e non logrou nada, nin dos seus, porque Juncker é dos seus e o gabinete de Juncker é fundamentalmente “pepero”, polo menos o seu voceiro, demostrouno en varias ocasións.


Falaba de Nadia Calviño, como valora o seu nomeamento como ministra tendo en conta a súa ampla experiencia en Bruxelas?

Son decisións de Pedro Sánchez que hai que respectar, polo menos nestes 100 días de observación, a ver como o fan. Está claro que ela ten unha experiencia moi grande. Está moi capacitada, sen dúbida; pero tamén hai que lembrar a súa folla profesional moi ligada á comisión europea e a unha serie de políticas que para Galiza non foron precisamente do mellor que existe. Oxalá teña esa vena galega que lle permita ser permeábel as nosas propostas, como pode ser o tema demográfico ou dos sectores produtivos. Nós imos mandar á Ministra unha proposta de emendas en breve.


Cree que co novo goberno do PSOE pode haber cambios reais no discurso centralizador ou é escéptica?

Tiñamos moi claro que había que botar o PP, non se podía aturar máis a situación de tensión e crispación, de ausencia de políticas sociais -de implantación do acordo do déficit con Bruxelas mediante recortes-, de retroceso da liberdade de expresión como denunciamos en Bruxelas o 25 de maio. A ninguén lle alleo que o feito de botar ao PP está ben. Agora ben, que o PSOE nos primeiros nomeamentos dese uns pasos moi significativos -relacionados por exemplo coa figura de Borrell, que ten unha posición moi dura sobre Cataluña- cando tiñan que liberar aos presos … Eu sigo con eses 100 días de observación, igual que se parou a folga xeral; pero nós temos moi claros que as propostas galegas non van vir da man deste goberno. As propostas galegas hai que facelas dende aquí, para que teña a axenda galega. Non queremos un Rajoy 2.


Outro ministro Grande Marlaska, ten unha traxectoria polémica no referido a liberdade de expresión …

Pedro Sánchez unha das primeiras cousas que debería facer é a derrogación da lei mordaza. Está a crear unha imaxe internacional do Estado moi negativa e afectando a moitísimas persoas. Se non o fan van ter un problema, porque son símbolos. De Grande Marlaska non agardo nada. Pode ter algúns picos en asuntos internacionais, pero resulta que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos os casos polos que condenou a España en preitos sobre torturas, pois foron instruídos por este señor, ou a maioría. Ademais, creo que teñen que facer un indulto inmediatamente aos presos políticos cataláns, non se pode ter un estado democrático con presos políticos.


A sensación que hai en España é que na cuestión catalá Bruxelas está de lado do Estado, sen fisuras. É así?

A Comisión Europea, Juncker, o seu voceiro, Margaritis, que está casado cunha asesora do PP ademais, sobriña de Rato; está do lado de Madrid. Ou estaba ao lado de Rajoy. Ao minuto cero xa emitiron un comunicado en favor do novo goberno. Esta xente non casa con ninguén. O que queren é que se cumpra o déficit, que se teña unha estabilidade, que non afecte a bolsa e todas estas cousas. Ás veces en Bruxelas parecemos números en vez de parecer pobos. Esta comisión creo que foi a gran decepción para os cataláns, que eran moi europeístas. A Comisión considérao un asunto interno, repíteo unha e outra vez. Agora teñen a oportunidade de emendalo ao ver que non é un asunto interno cando afecta a Filandia, a Alemaña, a Bélxica. Unha cousa é a percepción da Comisión, que é totalmente centralista e estatalista e era moi de Rajoy, e outra cousa é a sensación que hai no Parlamento Europeo, entre persoas de distintas ideoloxías, de solidariedade humana. Por exemplo, agora acaba de publicarse un documento de comparativa do acceso dos parlamentarios a presos. En case todos os estados membros se permite sen problema e a nós non se nos permite ir a ver a Junqueras ou a Romeva e ao resto, claro que si, pero eles foron ex-eurodiputados. Non se nos permitiu con Zoido, a semana pasada mandóuselle unha carta a Grande Marlaska. A ver o que di, aí vaise ver o cambio. Tamén hai xente do PP que te para e che di “ai, pobre Oriol, ou pobre Raúl, eran tan bos, eran tan bos”. A nivel persoal teñen unha percepción, pero de cara a galería teñen outra. Iso é unha hipocrisía.


Pedro Sánchez prometeu tentar ilegalizar a Fundación Franco, que acaba de pedir unha manchea de anos pola ocupación simbólica que fixo o BNG do Pazo de Meirás …

O Bloque non foi. En realidade foi unha convocatoria pacífica na que se sumou moita xente, había unha xente tal e outra que non. Que unha Fundación que fai apoloxía do fascismo, que defende valores que son antidemocráticos. É unha aberración. Ademais, esta xente o que quere é cartos, é unha familia que sempre se moveu polo lucro económico. Isto vaise recorrer e toda a solidariedade coas 19 persoas que o querían denunciar que aquelo foi un expolio antidemocrático. Hai un mes un grupo de eurodiputados fomos aló, a Meirás, e aquelo funciona como un “chiringo”.


Como última pregunta, cal son os seus plans de cara as eleccións europeas de 2019? Pensa volver a postularse?

Ben, creo que o traballo que se faga este ano no escano vai ser moi importante para Galiza. Eu a verdade é que a miña perspectiva política téñoa centrada en Bruxelas, non en volver.


Se segue en política será en Bruxelas?

Ben, non o sei, dependerá do que me diga o BNG, e o que queira a militancia do BNG; pero eu creo que onde podería aportar máis é alí.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE