Atacan o comercio dun crítico coa mina de Touro
A polémica mina está deteroriando a convivencia social. A Asociación Aldea Viva denuncia "un ataque a un comercio de Touro rexentado por un integrante da plataforma Mina Touro O Pino Non". Como proba remite unha fotografía dunha porta pintada co lema "Mina Si"
A polémica mina está deteroriando a convivencia social. A Asociación Aldea Viva denuncia "un ataque a un comercio de Touro rexentado por un integrante da plataforma Mina Touro O Pino Non". Como proba remite unha fotografía dunha porta pintada co lema "Mina Si".
Pintada nun comercio dun crítico coa mina nunha foto remitida por Aldea Viva
Isto sucede nun momento clave. Mañá domingo miles de cidadáns marcharán polas rúas de Santiago para rexeitar a explotación que promove a multinacional Atalaya Minning. Ademais, esta semana os ecoloxistas de ADEGA desvelaron que os primeiros informes dos técnicos da Xunta son desfavorables ao proxecto, a pesar de que os alcaldes locais -de Touro e O Pino- déronlle o seu apoio .
A reapertura da mina ten miles de detractores, pero tamén persoas que a apoian atraídas polos 400 empregos que promete o grupo que xa explota Río Tinto. Esta diferenza de criterio ha degenerado en algo máis que un debate.
"PUBLICACIÓN DE DATOS PERSOAIS" DOS ANTIMINA
Así, Aldea Viva denuncia a actividade de "numerosos perfís falsos creados nas redes sociais por parte de persoas asociadas á promotora da mina, os cales alagan os post da plataforma veciñal con provocacións e comentarios tendenciosos que buscan a confrontación e rozan o absurdo".
Os críticos coa explotación aseguran que estes trolls "chegan a publicar datos persoais de persoas que mostran publicamente o seu rexeitamento ao proxecto".
SUPOSTA SABOTAXE A UNHA SONDAXE
Cobre San Rafael, a empresa instrumental que presentou a solicitude, tamén denunciou unha sabotaxe esta semana. Un ataque sobre o que Aldea Viva di que "segundo declaran ocorreu fai un par de meses, o que parece máis unha estratexia de desmobilización que un relato verídico".
Fronte á "ruptura social provocada polos intereses comerciais dunha empresa privada e incentivada polo mal facer dos xestores públicos", o colectivo chama a manifestarse este domingo a partir das 12 desde a Alameda.
Escribe o teu comentario