Un veciño con 23 pitóns na súa casa
O investigado montou uns terrarios apilados nos que criaba especímenes da especie pitón real, dos que non puido xustificar a súa procedencia ante a Garda Civil.
A Guardia Civil investiga un suposto criadeiro clandestino de réptiles que tiña un veciño de Lugo con 23 serpes pitón nunha vivenda en Outeiro de Rei.
Segundo informou o Instituto Armado, na tarde do mércores foron localizadas nunha vivenda unifamiliar no termo municipal de Outeiro de Rei 23 serpes da especie pitón real.
As serpes estaban situadas en varios terrarios acondicionados para albergalas no interior dun alpendre anexo á vivenda principal, concretou a Garda Civil.
INCAUTADOS POLA AXENCIA
As mesmas fontes indicaron que o propietario das serpes, de 38 anos e veciño de Lugo, non puido xustificar a súa legal tenencia nin procedencia das serpes.
Destes feitos informouse á xefatura territorial de Medio Ambiente por supostas infraccións á lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Os animais foron aprehendidos e quedaron a disposición de aduanas da Axencia Tributaria.
ROUBO CON FORZA
Por outra banda, a Garda Civil detivo ás 23,15 horas do mércores no termo municipal de Sarria (Lugo) a tres veciños de Ourense, identificados como I.B.R., de 32 anos; A.S.B., de 32 anos e N.S.B., de 25 anos, como presuntos autores dun delito de roubo con forza nas cousas.
Os presuntos autores atopábanse supostamente no interior dun establecemento hostaleiro sen autorización do seu propietario e foron detidos cando abandonaban o edifico. Os arrestados foron postos a disposición xudicial.
Escribe o teu comentario