​"Se as mensaxes de Queremos Galego fosen certas, o galego debería estar nunha situación desastrosa e non o está"

Galiciapress entrevista ao secretario xeral de Política Lingústica na véspera do Día das Letras. Valentín García defende a "normalidade asombrosa" da convivencia co castelán e critica as visións alarmistas e o uso do idioma nas polémicas políticas. Recoñece que cómpre tomar medidas para reverter a perda de falantes entre os mozos. A práctica lingüística de Ciudadanos e as axudas aos medios de comunicación son outros dos temas desta conversa.


|

Galiciapress entrevista ao secretario xeral de Política Lingústica na véspera do Día das Letras. Valentín García defende a "normalidade asombrosa" da convivencia co castelán e critica as visións alarmistas e o uso do idioma nas polémicas políticas. Recoñece que cómpre tomar medidas para reverter a perda de falantes entre os mozos. A práctica lingüística de Ciudadanos e as axudas aos medios de comunicación son outros dos temas desta conversa. 



Valentin garcia entrevista politica linguista


Vostede é o máximo responsable da política sobre lingua do Goberno Galego. Un executivo que a miúdo chama a sacar a lingua do debate político. Por que non se debe facer política co idioma?

O idioma sempre está influenciado pola política. Si hai que facer política co idioma como con calquera outro ámbito da realidade, entendida a política como unha das funcións máis necesarias da sociedade.


Pero non polémica …

Efectivamente, non polémica. A política lingüística ten que estar baseada nos consensos e no medio e longo prazo porque obedece a ciclos e a fluxos que van de vagar. Non se cambia a lingua dun país dun día para outro. Temos que tecer alianzas para programar redes. Para que sexan efectivas, cómpre tempo e consensos amplos nos que todos esteamos. Hoxe en Galicia non hai ningún tipo de dúbida sobre que todos os partidos e todas as opcións políticas están a favor de promocionar o galego e fan uso del.


Serán os que teñen representación no Parlamento …

Claro.


Dígolle porque eu acabo de entrar na páxina de Ciudadanos en Galicia e está só en español, como están só en español as notas que mandan aos medios.

Eu non sei o que vai facer C’s cando teña representación ou responsabilidades de goberno. Moito me temo que, a pesar dos postulados que poida ter agora, cando lle toque gobernar -como en moitas outras cousas- terá que xunguirse á realidade social que hai. En Galicia, a xente, mesmo quen non o fala, quérelle ao galego. Ciudadanos ou outra opción terá que respectar unha lingua que a lingua do ensino e a das institucións, dos poderes públicos e da cultura. Sempre poño o mesmo exemplo, o Parlamento Galego é o único parlamento do estado no que todos os deputados falan en galego. Isto non pasa nin en Cataluña, nin no País Vasco nin en ningún outro lugar. Ou onde os medios de comunicación en castelán fan máis uso do galego, a pesar das críticas que sempre sofren de que fan pouco uso do galego. Porque noutras realidades o que temos é medio de comunicación en catalán e medio de comunicación en castelán. En Galicia é moi habitual que un grupo de amigos falen en galego e outros en castelán e cambien de idioma. Fóra de Galicia é moi difícil atopalo. Isto dinos que en Galicia as dúas linguas conviven cunha normalidade asombrosa, por parte da poboación. E isto ten que ter reflexo na política, debe xurdir de abaixo arriba. Ciudadanos por moito que queira facer piruetas no aire, cando lle toque, se é que lle toca, gobernar terá que virse á Terra e terá que gobernar coa xente que está neste país, que o ten moi claro. Igual non o temos tan claro os políticos e as institucións, pero a xente si.


Mañá 17 de maio, moita desa xente que vostede fala virá a Santiago, como fan todos os anos, convocados pola plataforma Queremos Galego. E unha dos principais motivos de que se concentren miles de persoas e denunciar a “inanición” da política lingüística da Xunta …

Eu sempre fun da idea de que as cousas non se arranxan con manifestacións. É moi lexítimo que queiran manifestarse, como se manifestan o 25 de xullo ou en datas sinaladas en moitos lugares por finalidades distintas. Este goberno, ao igual que os anteriores, terá acertos e erros pero é un goberno que mantén unha lingua coas porcentaxes de competencia lingüística e de uso máis elevadas de todas as linguas cooficiais do estado. Se fose certo, se fosen tan alarmantes os mensaxes que se lanzan dende esta manifestación, dende hai máis de trinta anos que convocan a manifestación, o galego debería estar nunha situación desastrosa e non o está. Somos unha lingua con 1,3 millóns de falantes e calculamos que podemos ter outro millón fóra da Galicia territorial. Evidentemente é unha lingua que hai que traballar por ela e ten que mellorar en moitos ámbitos, pero é unha lingua que cambiou moito coa sociedade que a fala e para a que non hai que acender luces de alarma. Está estabilizada e aceptada.


Xa, pero como denuncia Queremos Galego, o galego é o único idioma oficial de España que está a perder falantes.

Alégrome que saque ese dato. Chama a atención porque é un dato parcial. Primeiro, aclarar que o que lle chamamos nós un galegofalante non é o mesmo que en Euskadi por exemplo se lle chama un euskaldun. Aló, un falante de euskera é unha persoa que entende a lingua, a fala e a escribe minimamente. Iso xa é un euskaldun, aínda que non o fale todo o día! En Cataluña é unha cousa parecida. Aló miden competencias pero non miden usos, empezaron a medir usos hai tres anos ou catro. Antes estaba prohibido medir usos en Cataluña. Sabes como medimos os galegofalantes en Galicia?


Como?

As persoas que só falan galego durante todo o día ou falan máis galego que castelán. Medímolo unicamente polos usos. Unha persoa que sabe ler e escribir en galego, pero que só o fala accidentalmente - por exemplo cos compañeiros de traballo - non o consideramos galegofalante, até o de agora. A vara de medir non é a mesma. A nosa forma de medir galegofalantes é a máis restritiva de todo o estado. E a isto ao mellor tamén temos que mandarlle unha volta. Eu considero que estas persoas, que non falan tanto galego como os demais pero si o falan ás veces, tamén son galegofalantes, porque teñen a potencialidade de selo.


Falaba de Cataluña, como pode influír a tensión nesa autonomía -que é un dos motores do ascenso de Ciudadanos- ao debate sobre o galego? Pode acabar prexudicando ao idioma?

E non sei se prexudicando, pero polo menos afectándoo si. Isto corrabora a tese de que temos que separar o idioma das correntes políticas. Non podemos vincular unha lingua a forma de pensamento, a unha ideoloxía, a un partido. A política flutúa. Todo a lea de Cataluña pasará dun xeito ou outro. A lingua non pode estar supeditada ao xogo da política, que é moi intensa e unha lingua non pode estar metida nese “feireo”. Unha lingua ten que ter unha planificación moito máis estábel. Os ciclos non coinciden, os da lingua son moi longos e os da política cada vez máis curtos. A lingua non pode ser nacionalismo, a lingua non poder ser centralismo, a lingua non pode ser independentismo. A lingua xoga por riba de todas as cousas. Evidentemente, está relacionada con todo. Evidentemente o nacionalismo está relacionado coa lingua, pero como tamén o teñen os partidos de centro, de centro dereita. Quen fixo política lingüística e quen construíu maioritariamente este país en tempos de democracia, non foron partidos de esquerda e nacionalistas. E cando lles tocou gobernar a eles, a lingua seguiu a ser a mesma, tampouco se construíron aquí catedrais lingüísticas. Ninguén vai facer milagres ao igual que ninguén vai destruír a lingua, unha lingua sobrevive moito máis que ningún goberno.


Pero hai datos preocupantes, sobre todo no tema da mocidade nas cidades. Non hai que ser sociolingüista para ver que nas escolas os rapaces falan cada vez menos galego. Incluso os que falan galego na casa, tenden a perder o idioma.

Efectivamente. Esa é unha das claves.


E a Real Academia di que un dos motivos é o Decreto do Plurilingüismo …

Na diagnose que calquera sociolingüista pode facer sabemos que o futuro dunha lingua, da nosa ou de calquera, non se xoga non ensino. O ensino o que nos dá é competencia.


Onde se xoga logo?

Na segunda socialización. Perdoa, pero que linguas falabas ti no ensino?


No ensino primario e medio castelán, malia ser a miña familia galegofalante. Na universidade, galego; na Facultade de Xornalismo falábase maioritariamente galego.

Aí o temos. E se foras traballar a Mazaricos falarías galego e se foras traballar Düsseldorf falarías alemán.


Daquela o motivo do evidente retroceso que hai do galego entre máis os mozos non son as aulas?

Non, para nada, o contrario. Corenta anos atrás, o difícil sería atopar un neno en Ourense Centro que soubese falar galego. Aprendíase a falar galego cando eras adulto, se aprendías. Se sacabas unha praza na Deputación e todos os teus amigos falaban castelán, non falabas galego na vida. O galego era unha lingua que para as xentes das cidades chegaba na idade adulta. Daquela, algunha xente das cidades collía algunhas destrezas en galego, outros pasaban a falar galego. Agora os nenos do centro de Ourense poden falar galego porque teñen a competencia, que lla dá o ensino. Ollo, o ensino dá competencia e actitude, pero nada máis. Ninguén fala unha lingua ou outra porque no colexio lle falaran unha lingua ou outra. Falamos a lingua que fala a nosa parella, os nosos compañeiros de traballo, os nosos amigos do tempo de lecer, os nosos medios de comunicación … Non a lingua do colexio. A lingua do colexio perdémola de vista cando cumprimos 17 anos e deixamos o instituto, en moitos casos antes. Esa lingua pode ser unha ou outra, pero se esa persoa que medra no centro de Vigo falando en castelán resulta que vai a traballar nunha cooperativa gandeira en Mazaricos, en maior ou menor medida vai falar galego. E ao contrario, o que vai da escola de Mazaricos, onde todos os nenos falanr galego, pero vai traballar ao centro da Coruña, en maior ou menor medida vai facer uso do castelán. Isto sempre é así, son as contornas, é a socialización.


E entón que vai facer daquela o Goberno Galego referido a esa socialización para reverter a perda de falantes entre os mozos?

Temos que lograr que empresas como Coca Cola, Gadisa, Eroski empreguen o galego ou polo menos teñan presenza do galego nos seus ámbitos comerciais. Temos que lograr que os profesionais e autónomos, en maior ou menor media, usen o galego. Que cando reciban unha chamada en galego, usen o galego. Que cando lle pidan unha factura en galego, que teñan unha factura para emitila en galego. Que as familias, aínda que sexan castelánfalantes, lle transmitan aos seus fillos o galego e que falalo é útil, unha cousa fermosa e que o galego é unha lingua importante. Que a xente, cando vaia ligar ou a xogar o fútbol usen o galego. O caso do fútbol é moi claro. Moitos rapaces fóra da cancha falan galego pero en canto chegan o adestrador xa lles empeza a falar en castelán, como fan os grandes equipos e os medios. Normalizar o uso do galego e facer del unha lingua atractiva, esa é a clave. A clave agora non é o ensino, foino en tempos, cando a xente falaba galego pero non sabía nin falalo nin escribilo. Hoxe xa non estamos nesa fase. Hoxe lin a Víctor Freixanes dicir “eu o que quero e quitar o galego do gueto do ensino”. O ensino é o inicio da normalización pero agora xa despegamos desa fase.


En definitiva, o Goberno está satisfeito cos resultados do decreto do plurilingüismo?

O Decreto está funcionando con total normalidade.


Xa, ben, que funcione con normalidade non implica que os resultados sexan bos.

Si, o decreto implantouse hai dez anos …


Tempo de facer balance daquela.

Se o decreto fose tan pernicioso … Os nenos que tiñan daquela dez anos agora teñen vinte. Non debería falar galego ningún deles. O Goberno está facendo un plan de dinamización do galego na mocidade, xa é o segundo plan que facemos, o primeiro foi o de dinamización no tecido económico, que está tendo bos resultados. Agora queremos facer o de mocidade, un sector moi transversal e unha poboación que a miúdo non lle gusta que lles digan o que teñen que facer. Non é un ámbito de idade doado para incidir nel, pero estamos facéndoo porque aí coincidimos no diagnóstico, aí é onde queremos incidir.


Ben, van incidir na mocidade cunha serie de medidas. Hai unha corrente de pensamento que opina que os cartos públicos non se deberían intervir en influír na lingua que cada un fala, que iso é da esfera privada. Que lles rebatería as persoas que opinan así?

Hai un factor que é o ben de interese cultural. A lingua non é só un medio de comunicación, como o telégrafo. A lingua marca o carácter dun pobo, a forma de ver o mundo que ten un determinado grupo humano. Para non falar da creatividade artística, impregna un sistema cultural. Nese sentido, o galego e calquera idioma merece ser cultivado e impulsado, como o merece ser calquera ben cultural, sexa a catedral, Cantares Gallegos ou Hamlet.


Vostede citou en varias ocasións o tema da importancia dos medios de comunicación. A parte da TVG, que é a principal ferramenta de normalización dos medios que ten o Goberno, hai unha convocatoria de axudas a medios de comunicación en galego. O ano pasado repartiu esa convocatoria 197.000 euros. Nese mesmo período, a Xunta gastou en medios -entre axudas e publicidade - máis de 21 millóns de euros. É dicir, as axudas para medios en galego representan algo así como o 1%. Mañá veremos as portadas de todos os xornais en galego, pero o certo é que no día a día a maioría seguen -a pesar de recibir todo ese diñeiro público- marxinando ao galego as páxinas de cultura e algúns artigos de opinión. En definitiva, non parece que a política de promoción do galego nos medios dea resultado …

Entendo que é unha medida discutible. Os medios de comunicación son unha parte importante da promoción do galego, evidentemente. Estamos facendo un esforzo en que sexan os medios máis lidos os que conteñan galego. Fíxose un esforzo importante nos últimos anos. Nesa convocatoria, pasamos de esixirlle un 8 por cento a esixirlle un 15 por cento.


Ben, tamén lle esixen para cobraren as axudas que respecten o idioma das citas, por exemplo de dirixentes como vostede e non as transcriban ao castelán. E moitos xornais, pese a cobraren subvencións con condición de respectar o idioma da fonte, traducen ao castelán as intervencións en galego do presidente da Xunta, por exemplo.

É certo que é unha vella liorta. Hai xornais que si as respecta agora. E estamos de seguido encima dos outros para que as respecten, pero os medios teñen tamén as súas dinámicas e liñas editoriais moi ríxidas. Nós temos que facer equilibrios, para que vexan o galego como unha oportunidade. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE