O comité do aeroporto de Santiago denuncia recortes no Servizo Sanitario
"O ocorrido vén corroborar a posición das representantes das traballadoras de que a eliminación do Servizo Saniario e a substitución do mesmo por un protocolo de actuación delegando no 061 está totalmente afastado de calquera criterio sanitario", condena o comité no escrito.
O comité do aeroporto de Santiago de Compostela emitiu un comunicado de solidariedade coa familia do home que sufriu un infarto o pasado mes de abril no aeroporto e que faleceu apenas 14 horas despois no Hospital Clínico.
Durante o suceso, que tivo lugar o martes 3 ao redor das 21.00h, o pasaxeiro de 64 anos foi atendido pola Garda Civil e usuarias do aeroporto. "O ocorrido vén corroborar a posición das representantes das traballadoras de que a eliminación do Servizo Sanitario e a substitución do mesmo por un protocolo de actuación delegando no 061 está totalmente afastada de calquera criterio sanitario", condena o comité no escrito.
"A políticas de recortes de AENA no Aeroporto de Santiago están a ter consecuencias nos servizos que prestan as usuarias e traballadoras", din, e cualifican de "sinsentido" que se elimine o persoal sanitario cando "temos máis actividade que nunca". Lembran que o Xacobeo está preto, e que o aeroporto "necesita un Servizo Sanitario á altura" do acontecemento.
O comité reclama un servizo de 24 horas, amparándose nos datos económicos de AENA. "Parécenos escandaloso", continúan, que "cun beneficio de 1.232 millóns de euros en 2017 e cun aumento do 37,4% dos beneficios no primeiro trimestre", a sociedade aeroportuaria "estea a economizar nun servizo tan básico no principal aeroporto galego", conclúen.
Escribe o teu comentario