A folga da Xustiza podería acabar este mércores

Ao PP non lle vale por "viciado" o resultado da votación pola cal os funcionarios votaron seguir en folga. Un paro que podería, polo menos, ser suspendido o mércores. Os tres sindicatos que aínda apoian as mobilizacións ofertaron hoxe unha pausa nas protestas se a Xunta volve sentar. O sindicato máis importante, partidario de asinar xa, tamén quere seguir dialogando.


|

Sindicatos e traballadores reunidos este luns nos xulgados de Santiago

Sindicatos e traballadores reunidos en Santiago


Ao PP non lle vale por "viciado" o resultado da votación pola cal os funcionarios votaron seguir en folga. Un paro que podería, polo menos, ser suspendido o mércores. Os tres sindicatos que aínda apoian as mobilizacións ofertaron hoxe unha pausa nas protestas se a Xunta volve sentarse a negociar. O sindicato máis importante, partidario de asinar xa, tamén quere seguir dialogando.

Os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG fixeron un chamamento á Xunta e ao resto de sindicatos do comité de folga da xustiza --SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.-- para manter unha reunión o vindeiro mércores, día 2 de maio, e retomar as negociacións que permitan poñer fin ao paro indefinido no sector.

As tres organizacións sindicais que rexeitan a actual proposta da Administración ofreceron este luns roldas de prensa nas cidades da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, nas que aseguraron que, se a Xunta acepta "sentar e negociar sen levantarse da mesa", estarían dispostos a "interromper" o paro indefinido "durante a negociación".

Así, nunha comparecencia ante os medios celebrada na capital galega, o portavoz de STAJ, Enrique Araújo, considerou que, a pesar de que "estaba todo preparado" polos catro sindicatos que aceptaban a oferta da Xunta para que "saíse o si", os traballadores rexeitaron o acordo, un resultado que, na súa opinión, SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. "non están a asumir".

"Estes catro sindicatos están a facerlle o xogo á Xunta, están coa Xunta para anular unha votación que quedou clara. O colectivo quere unha mellor proposta e loitar por ela", manifestou. Por iso, considerou que tanto a Administración como SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. deben "asumir que ese é o resultado" e "poñerse a negociar para buscar unha solución acordada".

A CIG QUERE RECUPERAR A UNIDADE DE ACCIÓN
Pola súa banda, noutra rolda de prensa celebrada na Coruña, Óscar Freixido (CIG) considerou necesario chegar a un acordo que "satisfaga" a todas as partes e "non a catro" de forma que o conflito "non se peche en falso" e permita a "paz social" no sector.

Ademais, do mesmo xeito que Araújo, tamén fixo un chamamento á "unidade de acción sindical" para conseguir unha saída á folga indefinida que xa se alonga máis de dous meses e medios tras o seu arranque o 7 de febreiro.

DISTINTAS DIFERENZAS
Tamén este luns compareceu ante os medios o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, quen destacou que as tres organizacións que rexeitan a actual oferta da Xunta si teñen "intención de chegar a acordos" a pesar de que moitos as tachen de "radicais". Con este obxectivo, este mesmo luns presentaron por rexistro en San Caetano a petición de reunión.

Deste xeito, Valeiras chamou á Xunta a aceptar reunirse o vindeiro mércores, un encontro no que, segundo indicou, estaría presente UXT. "Seremos polo menos catro sindicatos e xa non seremos minoría nesa reunión", manifestou.

Ademais, anunciou que, se a Administración autonómica acepta "sentar e negociar sen levantarse da mesa", CUT, STAJ e CIG estarían dispostos a "interromper a folga durante a negociación". "Esta é a demostración de que queremos poñer fin ao conflito e desfacer o mito creado por Rueda e Feijóo de que somos uns radicais que queremos alongar a folga ata unhas novas eleccións", subliñou.

COMUNICADO DE SPJ-USO
Pola súa banda, o sindicato maioritario no sector, SPJ-USO remitiu un comunicado aos medios no que recoñece unha "vontade maioritaria" dos traballadores --52,8%-- de "rexeitar a proposta" sometida a sufraxio e de continuar en situación de folga.

Este feito, segundo indica, obriga a "solicitar da Xunta que continúen as negociacións", unha petición que se compromete a trasladar á Xunta. "Que non caiba dúbidas de que SPJ-USO continuará traballando pola mellora dos funcionarios da administración de xustiza. E ímolo a facer encartándonos, como ata agora, á vontade da xente e en solidariedade con ela", apuntou.

Con todo, no comunicado no que avanza que "seguirá negociando" ata alcanzar unha proposta que sexa aceptada maioritariamente, cualifica de "incomprensible" a actitude de "determinados sindicatos" e o "ambiente de tensión e condicionamento" da libre vontade vivido nas asembleas do pasado venres.

Neste sentido, SPJ-USO, que nega "asinar ás furtadelas pacto algún para acabar coa folga", sinala que toda proposta que se considere "digna" debe ser sometida "á decisión" do colectivo, "democraticamente expresada e ratificada mediante votación".

"É por esta motivación que non entendemos por que algúns sindicatos empeñáronse, dunha maneira tan incomprensiblemente belixerante, en impedir, primeiro e, logo, en obstaculizar que o colectivo poida pronunciarse dunha maneira libre e soberana sobre a proposta que se lle someteu a referendo".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE