Beatriz Mato e Rey Varela poderían deixar en breve a Xunta para seren candidatos

A pesar de que Rey Varela é un dos nomes que soan como hipotético substituto de Feijóo, todo parece indicar que será candidato a alcalde. Pedro Puy dixo hoxe que unha remodelación de Goberno -que levaría a Beatriz Mato a centrarse aínda máis na Coruña- sería, de producirse, para ben.


|

Dáse por feito que Beatriz Mato será a candidata a alcaldesa na Coruña. A política inviste na cidade gran parte da súa axenda institucional. Por exemplo, o seu equipo manexa unha conta de Twitter como conselleira e outra como líder do PP herculino. Tan por feito dáse, que o alcalde das mareas, Xulio Ferreiro, xa criticou esta dobre actividade de conselleira e case-candidata, preguntándose cando realmente dedícase a traballar para o executivo autonómico.



Rey varela sillon


En Ferrol é probable que José Manuel Rey Varela volva tentalo, despois de ser desprazado do goberno local nos últimos comicios. E iso que Rey Varela é un dos nomes que soan como hipotético substituto de Feijóo no caso de que o presidente finalmente se vaia a Madrid ou decida, como todo parece apuntar, non presentarse ás próximas eleccións autonómicas


 Envíar a Rey Varela a loitar a batalla ferrolá indica que recuperar as cidades é un obxectivo estratéxico do PP. Ademais, Ferrol en Común leva unha lexislatura tan convulsa que mesmo o alcalde Jorge Suárez sementou moitas dúbidas sobre as súas ganas de presentarse.


Ante esta situación, o número 3 conservador Pedro Puy (PPdeG) lanza a mensaxe de que, se hai cambio, non pasa nada. Así dixo hoxe que Feijóo "xa" remodelou o seu executivo e mantivo "o apoio cidadán", polo que cre que os cambios serán "para ben".


Á OPOSICIÓN NON LLE CHEGA CUN CAMBIO DE NOMES


En Marea e PSdeG reclamaron ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que vaia máis aló "dos nomes" na hipotética reforma do seu equipo de goberno e, deste xeito, aposte por cambiar as "políticas" das consellerías, á vez que censuraron que o PP antepoña os seus "intereses electorais" aos da cidadanía de Galicia.


A pouco máis dun ano para as eleccións municipais e ante a posibilidade de que algúns dos conselleiros abandonen as súas carteiras para ocupar os primeiros postos das listas dos populares en cidades como Ferrol ou A Coruña, os partidos con representación na Cámara galega, a excepción do BNG (este luns non compareceron en O Hórreo), comentaron a posibilidade de que Feijóo anuncie de forma inminente cambios no seu executivo, segundo recolle Europa Press.


DECLARACIÓNS DE PEDRO PUY


Deste xeito, preguntado polas quinielas que apuntan á saída da Xunta de Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela para centrarse na carreira electoral, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que a decisión de nomear novos conselleiros é "competencia exclusiva" do presidente da Xunta, que "xa cometeu en diversas ocasións" distintas remodelacións do seu goberno desde que chegou á Xunta en 2009.


"O Goberno mantivo a iniciativa e o apoio cidadán, o máis importante como confirmación de que as cousas se están facendo de forma razoable", asegurou para logo expresar a súa "confianza" en que, se Feijóo considera realizar cambios no seu equipo, serán "para ben".


LEICEAGA E ANTÓN SÁNCHEZ


Pola súa banda, o portavoz dos socialistas na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou que Feijóo vaia unicamente a cambiar os "nomes" dos titulares das consellerías e non "as súas políticas".


Así mesmo, tamén preguntado por este asunto, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, remarcou que "unha vez máis" o Partido Popular "volve" antepoñer os seus propios "intereses" aos dos galegos ao empregar "as institucións" para os seus obxectivos electorais.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE