A Catedral ofrece novas visitas conxuntas co mosteiro de San Martín Pinario
Desde o mes de maio funciona unha nova modalidade de visita que permite coñecer de maneira conxunta a Catedral e o antigo mosteiro de San Martín Pinario, que alberga o recentemente inaugurado Museo Diocesano.
Organizadas polo Museo Catedral de Santiago, as visitas consisten nun percorrido guiado por especialistas en arte e historia, a través do interior da catedral para, a continuación, dirixir a San Martín Pinario, visitando tanto o Museo Diocesano como os espazos monumentais da igrexa, sancristía e claustro, ademais do antigo coro de madeira da catedral compostelá, que alí se expón.
Esta nova tipoloxía de visitas, que se ofrecen tanto en castelán como en inglés, organízanse de martes a sábado, con tres pases diarios. Poden reservar previamente na web.
Tal e como explicou a Catedral, trátase de fomentar as visitas de calidade ao redor da cultura xacobea, ademais de axudar a ampliar os tempos de estancia dos visitantes na propia cidade.
A iniciativa enmárcase no programa Compostela Sacra, que promove a Fundación Catedral para pór en valor e difundir o importante patrimonio que conserva a Igrexa en Santiago de Compostela.
Escribe o teu comentario