A Xunta advirte que as acusacións de suborno na mina non son tolerables
“Acusacións sen fundamento e non tolerables”. Así, con evidente enfado, cualifica a Xunta de Galicia as afirmacións de Edgewater. A mineira á que paralizaron o proxecto de Corcoesto dixo en varias instancias xudiciais que lle pedían subornos -mesmo para o presidente- a cambio de que o Goberno dese luz verde á explotación. A Xunta denunciounos, pero agora sábese que a Xustiza non ve difamación nas acusacións dos canadenses.
De acordo á versión de Edgewater, como se negaron a dar unha “mordida”, a Xunta cambiou a última hora de postura, chegando mesmo a modificar a lei para deter a reapertura da mina de ouro. Algo que rebate de fronte o Goberno en declaracións a Galiciapress: “un proxecto desta envergadura necesita das máximas garantías de solvencia, por iso non contou coa aprobación da Xunta; porque non era solvente”.
Feijóo na rolda de prensa na que dixo que a mina de Corcoesto aprobaríase
A Consellería de Economía di hoxe que o plan da mineira de Edgewater non era solvente “desde o punto de vista técnico, nin económico nin ningunha económico e de ningunha maneira era viable e positivo para Galicia”.
Dura afirmación que contrasta coa imaxe do presidente da Xunta non fai tanto. Nunha rolda de prensa tras a reunión do seu goberno, Alberto Nuñez Feijóo chegou a presumir da creación de centos de postos de traballo en Bergantiños, dando por segura a aprobación do expediente. Expediente que finalmente o goberno parou nunha decisión que como ben lembra hoxe foi referendada polo Tribunal Constitucional.
A Xustiza desestima a acusación de inxurias contra Edgewater
A polémica saltou hoxe ao desvelar Infolibre que ña Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación que interpuxo a Xunta contra Edgewater. O goberno denunciara por calumnias á mineira de Corcoesto por afirmar nos xulgados que “tería que pagar 1,5 millóns de euros” para lograr os permisos e que “eses fondos distribuiríanse entre altos cargos da Xunta, incluíndo ao presidente Feijóo e ao Sr. Tahoces [ Bernardo Tahoces, o director xeral a cargo da tramitación do permiso]”.
Segundo adianta hoxe Fernando Varela, a apelación foi desestimada en novembro. Por tanto, as palabras do CEO de Edgewater, George Salmis, que chegou a afirmar que “amigos do presidente [Alberto Núñez Feijóo] chegaron con ofertas de axuda, o que normalmente significa $$ nunha maleta Samsonite”, non serán perseguidas.
Marcha atrás a última hora
A Xunta apoiou en principio a megamina de ouro. O presidente Alberto Nuñez Feijóo chegou a enarborar os postos de traballo que prometía Edgewater nunha rolda de prensa do Consello para defender o seu apoio á explotación.
Sorprendentemente, cando o trámite chegaba á súa recta final, e despois de importantes mobilizacións veciñais -como as que hai agora contra a mina de Touro-, o Executivo deu marcha atrás, alegando que a filial galega dos canadenses carecía do músculo financeiro necesario.
Isto desatou unha ofensiva xudicial de Edgewater, marco no cal fixo as acusacións de petición de suborno. A mineira chegou a describir unha reunión en Madrid na que supostamente un directivo dun medio de comunicación e unha empresa do IBEX 35 -que non identificou- trataran de arrincarlles parte do negocio a cambio de garantirlles que a Xunta aprobaría o proxecto.
Á súa vez, a Xunta reaccionou cunha demanda por inxurias e calumnias rexeitada en primeira instancia e que, segundo transcende agora, desestimada tamén pola instancia xudicial superior. Está por ver agora se o Goberno non se dá por vencido e volve recorrer.
Esta non é a única batalla legal en marcha ao fío da polémica e frustrada mina. Edgewater presentou unha demanda de arbitraxe internacional. Nesa demanda, segundo recolle Fernando Varela en Infolibre, a empresa de Canadá afirma que ““un directivo de Sacyr díxolle a Salamis que MDC tería que pagar 1,5 millóns de euros para obter un permiso de desenvolvemento para as concesións de Corcoesto. Ese individuo tamén lle dixo ao Sr. Salamis que eses fondos se
distribuirían entre altos cargos da Xunta, incluíndo ao presidente Feijóo e ao Sr. Tahoces. Ademais, afirmou que se MDC negábase a pagar, cría que a Xunta procedería a tomar medidas para expropiar as concesións”.
George Salamis
Previamente, Edgewater interpuxera un contencioso-administrativo, no que describiu a citada reunión cun “directivo dun medio de comunicación de tirada nacional”. A Xustiza non lle dió a razón á multinacional. O Constitucional fallou que a Xunta actuara correctamente coa reforma legal que utilizou para denegar finalmente o proxecto.
A pelexa xudicial ao redor de Corcoesto é especialmente relevante agora, cando hai outro proxecto en tramitación, o da mina de cobre que Atalaia Minning pretende reabrir en Touro - O Pino. Unha explotación que tamén parece contar co soporte dos concellos locais e do Goberno autonómico, polo menos nos primeiros pasos dos permisos; a pesar de desatar tamén as críticas de moitos veciños e da oposición.
Escribe o teu comentario